A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, participa nunha misión oficial da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo que ten por obxectivo visitar diversas zonas pesqueiras de Irlanda. “Comprobamos as semellanzas dos sector pesqueiro galego e irlandés e o prexuízo que ambos sofren pola Política Pesqueira Común, co acusado descenso de cotas”, sinala Ana Miranda, quen defende unha modificación da PPC que teña en conta a situación socioeconómica do sector.
“Igual que en Galiza, en Irlanda se queixan de que a pesca artesanal e o marisqueo non teña un recoñecemento como deberían”, explica a eurodeputada nacionalista, quen tamén apunta a preocupación existente nas zonas pesqueiras polos proxectos de eólica mariña, da mesma forma que acontece en Galiza. “Estas situacións son un claro reflexo de que Bruxelas non entende a pesca, e pola contra no sector existe a sensación de que son criminalizados”, denuncia.
Nas reunións celebradas nesta misión da Comisión de Pesca da Eurocámara -na que participan eurodeputadas e eurodeputados de catro grupos parlamentares diferentes-, analízanse tamén as consecuencias do Brexit na pesca local. Precisamente Irlanda é un dos Estados Membros máis afectados, xa que representa arredor dunha cuarta parte da perda acumulada de cota da UE por volume, cunha perda do acceso ao 15% da súa cota anual total.
Protestas contra as decisións da CE
Por outro lado, nos diferentes encontros desenvolvidos, Ana Miranda explicou as continuas protestas mantidas polo sector pesqueiro galego contra as decisións da Comisión Europea que afectan negativamente á pesca galega. Tamén fixo mención á demonización de determinadas artes de pesca por parte de Bruxelas, como o arrastre e a pesca de fondo. Sinalou a necesidade de protexer os ecosistemas mariños, as rías e os mares pero tamén da xente que vive do mar, como mariñeiros, pescadores, mariscadoras ou redeiras.