Ana Miranda alerta da discriminación de Galiza polo reparto unilateral das cotas de xarda por parte de Noruega, Islandia, Feroe e Groenlandia

Ana Miranda
Ana Miranda
O BNG critica a inacción da UE para garantir uns repartos xustos das capturas para os Estados Membros

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera indispensable que a Unión Europea actúe e cumpra o seu cometido de garantir repartos xustos das cotas fronte ás decisións unilaterais tomadas recentemente por Noruega, Islandia, Feroe e Groenlandia para aumentar as capturas de xarda. “Non podemos consentir que Galiza saia prexudicada por decisións unilaterais de catro países e a inacción da UE para garantir un reparto xusto das cotas”, salienta Miranda ao respecto.

“O noso sector pesqueiro atravesa unha situación complicada, polo que non podemos baixar a garda”, apunta Ana Miranda. Para 2021, o ICES (International Council for the Exploration of the Sea), recomendaba unha cota de 852.000 toneladas, pero deste total Noruega xa se reservou 298.299 toneladas, Islandia 140.627 toneladas, Feroe 167.048 toneladas, e Groenlandia 60.000 toneladas. Estas cifras supoñen que Noruega aumentou a súa porcentaxe de cota do 21,5% ao 35%; Feroe pasa do 12,6% ao 19,6%; Islandia chega ao 16,5% e Groenlandia ao 7,04%.

Se se respectan as recomendacións do ICES, para a Unión Europea e o Reino Unido queda o 21,86% do TAC, cando en 2020, antes do Brexit, era do 41%. “Este descenso pode prexudicar a Galiza”, alerta a portavoz do BNG en Europa. Así, en relación á situación internacional provocada polas decisións unilaterais dos Estados ribereños con respecto a xestións dese stock, Miranda defende que a UE aplique un principio consagrado nas relacións Internacionais e no propio Tratado de Viena, como é o Principio de Reciprocidade.

Principio de Reciprocidade

Segundo explica Ana Miranda, este principio é unha ferramenta para lograr o desenvolvemento de relacións de mutua confianza e obrigas recíprocas a longo prazo e un incentivo para cumprir as normas internacionais. Ademais, este principio ten sido considerado como un principio fundamental para a interacción de Estados para o manexo eficaz en caso de crises. “Neste caso é evidente que ante decisións unilaterais de autoadxudicación de cota por parte dos Estados ribereños mais alá das recomendacións científicas de ICES ou proposta de NEAFC, a UE debe facer uso desta ferramenta”, salienta.

Por outro lado, a portavoz do BNG en Europa considera non se pode permitir que Reino Unido goce no tocante á súa asignación de xarda dos beneficios que tiña ao ser membro da UE e se asigne a mesma porcentaxe de participación no TAC global que o que tiña como membro da UE en virtude de esas preferencias e da súa condición de membro da UE. Ao respecto, Miranda lembra que o Estado español é o principal país con máis déficit de cota de xarda da UE en función do número de unidades pesqueiras que capturan este especie no Cantábrico.

“Fóra da UE non pode manter esas porcentaxes, é dicir, a UE debe asignarse a cota que lle correspondería unha vez sumados eses porcentaxes de cota de xarda extra que tiña o RU en virtude das condicións que se lle deron mentres era membro da UE”, sinala Miranda, quen reitera que ante a autoadxudicación de cotas a de Noruega, Illas Feroe, Islandia, ou Groenlandia, “a UE non pode quedar paralizada sen ir mais alá dunha condena e protesta retórica contra a actuación unilateral destes Estados, senón que debe aplicar o principio de Reciprocidade e polo tanto asignarse cotas suficientes para os seus Estados membros deficitarios e negociar condicións máis beneficiosas para os pescadores da UE en relación a este stock”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG