25 anos de presenza do BNG no concello de Pontevedra, 25 anos de traballo transformador

Este serán (20.45 horas) vaise realizar en Pontevedra un acto conmemorativo dos 25 anos de presenza ininterrumpida do BNG no concello. Foi en 1987 cando o Bloque Nacionalista Galego, da man de Miguel Anxo Fernández Lores, obtiña por vez primeira representación na cámara municipal.

No acto, que irá ter lugar no Pazo da Cultura, intervirán Francisco Jorquera, Guillerme Vázquez e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.Co motivo dese 25 aniversario, o grupo municipal do BNG redixiu un texto ben esclarecedor sobre o contexto no que o nacionalismo acadou representación no concello no tramo final dos 80 e sobre a enorme transformación experimentada pola cidade após a conquista do goberno municipal en 1999.

A mediados dos anos 80, após o 23-F, a celebrada Transición estaba consolidándose na súa versión mais retrógrada: monarquía, estado unitario autonómico, entrada na OTAN, estruturas do franquismo intactas cando non revitalizadas; por outro lado, a crise social e económica en Galiza resultaban evidentes: paro galopante, emigración masiva da xuventude.

Por aquela época, o sistema tiña entretida a poboación coas ideas de “xa temos democracia”, “xa somos europeos” e coa “paz social” conducida polos sindicatos estatais, empeñados nesta tarefa tras os Pactos da Moncloa e polo bipartidismo español (A.P.-P.P., PSOE) que se estaba asentado co “felipismo”. Os ataques aos intereses de Galiza eran constantes: agro, pesca, naval, conserva, ..... Co tratado de adhesión a CEE, o noso destino pretenderon deixalo fixado, escrito e ratificado: empobrecernos, perder poboación e emigrar. Hoxe afloran por todos lados as terríbeis consecuencias daquelas decisións.

A historia tería sido diferente se o nacionalismo galego tivese naquela etapa a incidencia social que acadou despois, pero a capacidade de resposta de Galiza foi reducida; o nacionalismo galego estaba débil, desunido, sen consolidar. Sen representación nas cidades, nin no Parlamento Galego, nin no do Estado. Pero a rúa si chegaba e se escoitaban lemas do tipo:

A fe, a convicción, a constancia, a entrega e a ilusión, as chaves do suceso do BNG en Pontevedra

“Galiza ceibe, poder popular”, “Galiza nación, autodeterminación”, “Psoe, PP, o mesmo é”, “mercado común europeo, ruína do pobo galego” , como simplificacións, ás veces ásperas, dun berro de rebeldía e alternativa á dura realidade que afrontaba Galiza e, sobre todo, ao negativo futuro que se estaba a deseñar, pola carencia de peso político no Estado.

O BNG de Pontevedra era, seguramente, o mais débil de todas as cidades galegas: poucos, sen medios, con moi escaso apoio electoral, pero cheos de fe, convicción, determinación, constancia, entrega e ilusión, démoslle a volta a situación. Nas Municipais de 1987, Pontevedra foi a única cidade galega na que o BNG acadou representación situando a Miguel Anxo Fernández Lores de Concelleiro.

 

Que Lores, Mosqueira, Raimundo ou Rafa Iglesias, buscasen persoas para a lista, redactasen o programa, pagasen e pegasen os carteis, desen mitins, organizasen ceas, falasen con centos de persoas unha a unha, mentres cumprían puntualmente coas súas obrigas laborais, forma parte de biografías, pero o decisivo foi o traballo coral, colectivo de varias ducias de persoas. Traballando en equipo poténciase o mellor de cada persoa e esváense os defectos que puidera haber.

En conxunto construíamos o futuro, pero tendo moi en conta o pasado, tanto remoto como inmediato. Castelao, Bóveda,..., despregaran a súa actividade en Pontevedra e foron a base sólida do noso pensamento; a situación vivida en Pontevedra no 1983 coa desfeita de pasar de 7 concelleiros de forzas galegas (6 U.G., 1 BNPG) a ningún, era unha experiencia traumática que había que evitar repetir, á vez que mostraba que podía haber base social se se estruturaban forzas políticas serias e solventes.

O resto xa é mais coñecido e parte dos fitos dos posteriores 25 anos están recollidos tanto na exposición como na publicación. En resumidas, o avance imparábel do BNG, con Lores á cabeza dun grupo coral cada vez mais amplo, e unha demostración palpábel de que con claridade de ideas, firmeza e convicción pódese transformar para mellor tanto a realidade social, como a física.

Estes 25 anos teñen que ser un punto seguido. Non son tempos de recrearse no xa feito; moito máis fica por facer

Van alá 25 anos. Sóese dicir que parece que foi onte; con mais razón nesta ocasión, pois mais ben parece que é hoxe. Estamos no 2012, Galiza inmersa nunha tremenda crise económica e social, o bipartidismo estatal traballando contra os intereses de Galiza, tentando rematar cos nosos sectores produtivos, incluído o financieiro; a Unión Europea profundando no empobrecemento de Galiza, crise demográfica, emigración. Estamos nun estado de auténtica “emerxencia nacional e social”, bastante mais grave que hai un cuarto de século.

Volven a seren tempos difíciles, moi difíciles, de loita, de ideas claras, de firmeza, de entrega, de convicción. Pero sobre unha base mais forte, de mais introdución social do BNG, de mellor coñecemento por parte dos nosos conveciños do que significa realmente a Unión Europea e a súa política cara Galiza, e, sobre todo, coa constatación de que a realidade, entre todos, pode ser cambiada para ben, como se fixo en Pontevedra.

Estes 25 anos son, teñen que ser, un punto e seguido. Non son tempos de recrearse no xa feito; moito mais queda por facer. O futuro de Galiza, o futuro de Pontevedra están en xogo.

Ánimo e folgos!!!

Grupo Municipal do BNG

Pontevedra

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG