Os prezos soben, os teus cartos baixan. Fagámonos valer, hai alternativas!

bitmap

1

QUE É ISO DA INFLACIÓN?

Basicamente, significa que, cos mesmos cartos, podemos pagar menos cousas. Hoxe Galiza sofre un incremento disparado dos prezos, o máis alto dos últimos trinta anos e moi superior ao do Estado. Isto fai que as galegas e galegos suframos esta crise con máis intensidade, sobre todo as persoas máis vulnerábeis e con menos recursos. A guerra na Ucraína agrava esta situación, mais a crise xa era previa, e a pandemia tampouco explica todo.

2

A INFLACIÓN, AFÉCTAME A MIN?

Si, a todas as persoas. Notámolo cando imos ao supermercado, cando enchemos o depósito do coche, cando pagamos a factura da luz ou a calefacción. Tamén á hora de pagar os impostos ou sobre o valor dos nosos aforros.

Ademais, na Galiza agrávase o impacto polo peso do sector pesqueiro e agro-gandeiro, por termos moitas industrias electrointensivas, depender do comercio por vía marítima e estrada, polas carencias históricas en transporte público, pola dispersión poboacional, pola estafa das peaxes... e sobre todo porque desde a Xunta e desde Madrid toman decisións contrarias aos nosos intereses, permitindo os privilexios do lobby eléctrico, ou incrementando o gasto militar no canto de atender outras necesidades.

3

QUE PREZOS SOBEN MÁIS?

Unha das subas máis escandalosas é a da electricidade. No mes de febreiro subiu un 111,5% a respecto de hai un ano. Isto provoca que suban outros moitos produtos e servizos que precisan da enerxía. Ademais, resulta insultante que sendo Galiza produtora excedentaria de enerxía eléctrica non teña a cambio unha compensación: unha tarifa eléctrica galega.

Aumentaron moito tamén os prezos dos combustíbeis, supoñendo un grave problema para as persoas que non poden desprazarse en transporte público (moi deficitario no noso país) e para os sectores profesionais que o precisan. Subiu tamén o prezo dos produtos básicos de alimentación (aceite, carne, peixe, froita, pan, ovos) da bombona, do gas, dos alugueiros... Esta escalada xeneralizada empobrece Galiza e amosa o prexudicial que é para nós non termos soberanía e polo tanto máis capacidade para defender o pobo. Lembremos que os salarios e pensións na Galiza están á cola do Estado español.

4

QUEN SE BENEFICIA?

A perda do control público sobre sectores clave da economía explica a multiplicación de beneficios das grandes empresas (banca, eléctricas, etc) mentres as maiorías sociais sofren e pagan os efectos desta crise. Mais pódese actuar: As decisión políticas poden corrixir a suba de prezos.

5

QUE PROPÓN O BNG?

A situación é insoportábel e non podemos permitir que Goberno español e Xunta sigan paralizados. Desde o BNG temos propostas para impulsar un cambio estrutural na nosa economía, mais tamén para actuar no curto prazo.

PROPOSTAS DE MEDIDAS URXENTES DO BNG:

1.- Unha fiscalidade xusta que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis, contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.

2.- Baixada selectiva do IVE dalgúns bens e servizos como os alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas.

3.- Intervir no sector eléctrico para controlar os prezos e recortar os beneficios das eléctricas, impulsar unha tarifa eléctrica galega e prohibir os cortes para sempre.

4.- Incremento das pensións e dos salarios máis baixos até o 60% do soldo medio actual.

5.- Incremento das principais axudas sociais, como as axudas de violencia machista ou o Ingreso Mínimo Vital, compatibilizándoo coa Risga.

6.- Intervención pública no mercado da vivenda para facilitar o acceso da xente nova e rendas máis baixas, poñendo a disposición da Xunta as 2.735 vivendas da SAREB para se empregaren como vivendas sociais.

7.- Medidas de urxencia para a mobilidade e o transporte. Redución das peaxes, dos impostos sobre hidrocarburos e doutros custos que afectan ao transporte, e fomento do transporte público.

8.- Protección do sector agro-gandeiro e marítimo-pesqueiro evitando a venda a perdas, impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración e impulsando axudas e bonificacións polo incremento dos custos de produción, singularmente enerxía e combustíbeis.

9.- Medidas transversais con perspectiva de xénero para paliar o impacto sobre as mulleres como parte máis castigada da sociedade.

10.- Impulso de medidas para frear as consecuencias sobre a mocidade, como a revisión á alza das bolsas e convocatorias extraordinarias para protexer o estudantado máis afectado.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG