A parlamentaria do BNG, Ana Pontón preguntou ao Secretario de Política Lingüística, Valentín García, se o seu departamento asumirá as sentenzas que obrigan á Xunta á reincorporar aos seus postos de traballo ao profesorado Celga
A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta na comisión de Educación sobre a situación do profesorado dos cursos CELGA tras as sentenzas que ratifican a súa situación irregular nas contratacións e reclamou que a Xunta asuma as súas responsabilidades e reincorpore a todo o profesorado garantindo os seus dereitos e unha mellor e maior oferta da ensinanza de galego para persoas adultas.
Para o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García o proceso xudicial aínda non rematou e haberá que agardar a resolución do conflito na vía xudicial para tomar as medidas que consideremos máis axeitadas Polo momento, reiterou, continúan emitíndose sentenzas e non procederemos ás contratacións.
Pontón acusa de manipulador ao Secretario Xeral de Política Lingüística e pide o seu cese
Tras a intervención do responsábel de Política Lingüística, a parlamentaria acusou a García de manipular e mentir sobre unha situación creada polo propio departamento que dirixe. Vostede creou un problema e non estivo disposto a solucionalo e agora non lle importa o que está pasando cunha xeración de licenciados e licenciadas en Filoloxía que impartían os cursos Celga durante tantos anos. Vostedes condenaron ao paro a este colectivo por vinganza despois das denuncias que presentaron por vulneración dos seus dereitos laborais.
Van a readmitir a ese profesorado, si ou non? volveu a preguntar a deputada que cualificou de abuso de poder o comportamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística neste asunto.
Na réplica, Pontón volveu reprobar o proceder de Valentín García e o ex-conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, por despedir a traballadores/as que reclamaron regularizar a súa situación laboral. Nun país normalizado, cun goberno ético e responsábel, vostede non tería outra opción máis que dimitir, concluíu.