É posible outra Europa alternativa ao actual modelo neoliberal, que está a ter consecuencias catastróficas para Galiza, á que conduce ao colapso económico. Así o explicou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, durante a presentación do seu libro Crise e fracaso do modelo neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática, na Fundación FUEM-Ecosocial en Madrid, onde comparteu debate con Jordi Angusto, autor da obra ¿Y ahora qué? Entre la crisis y la miseria.
A proposta que Vence formula no libro pasa por recoñecer o dereito de autodeterminación e da soberanía dos pobos como a mellor fórmula para construír unha Europa cohesionada e social que permita desenvolver o tecido produtivo dos países periféricos, e non só unha UE hexemonizada polos países centrais, "unha Europa que preserve a diversidade e a economía produtiva tamén das nacións periféricas, das que forma parte Galiza".
Durante a presentación, o portavoz nacional quixo botar por terra o falaz argumento de que os países pequenos non poden valerse nin teñen capacidade de sobrevivir por si mesmos. A experiencia da UE amosa que os países pequenos vailles mellor desde o ponto de vista económico, e iso é unha constatación empírica non só un postulado político, unha razón máis pola que penso que a reclamación soberanista de nacións como Escocia, Flandes, Euskadi, Catalunya ou Galiza teñen todo o sentido.
A obra de Vence recolle un modelo alternativo de gobernanza para UE ofrecendo unha solución ao fracaso do actual modelo liberal, para cofigurar unha Europa social e dos pobos, solidaria que recoña a diversidade e a pluralidade, na que unha Galiza sen complexos poda ocupar o lugar que lle corresponde.