Vázquez non acude ao acto de conciliación para responder das inxurias contra o BNG

O acto de conciliación convocado para hoxe nos xulgados de Santiago conclúe sen avinza. O BNG estuda continuar co trámite da demanda por calumnias e inxurias ante o Tribunal Superior de Xustiza contra o conselleiro de Educación que nun medio de comunicación acusou ao BNG de “apoiar a grupos terroristas” e ser "antidemócrata” por non asumir o decreto do plurilingüismo.

Ana Pontón, Bieto Lobeira e Alberte Souto á chegada aos  Xulgados

O BNG mantén a demanda contra o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez ante a “falta de avinza” no acto de conciliación celebrado hoxe nos Xulgados de Santiago de Compostela ao que o titular de Educación non acudiu.

No acto de conciliación, ao que asistiron a viceportavoz do grupo parlamentario, Ana Pontón, o secretario de Organización, Bieito Lobeira e o representante legal do BNG, o letrado do conselleiro de Educación fixo entrega dun escrito coa transcrición da entrevista e declarou que nas manifestacións do conselleiro non existiu intención de inxuriar.

Ás portas do Xulgado, a deputada nacionalista, indicou que a falta de avinza no acto de conciliación, a negativa do conselleiro a rectificar as súas acusacións e un escrito que “basicamente di que se transcribiron mal as súas palabras” non “satisfacen ao BNG” e avanzou que a dirección e letrado desta forza política escoitará o audio da entrevista aportado pola representación legal do conselleiro, aínda que, precisou, “nunha primeira apreciación do escrito, non me parece oportuno responsabilizar ao xornalista dunhas declaracións que baixo o noso punto de vista, “o conselleiro fixo de maneira consciente”.

A nacionalista cualificou de “gravísimo” que o conselleiro de Educación sega mantendo unha política de continuo “ataque e criminalización de todos os movementos que cuestionan a súa política lingüicida” e resulta “indigno”, que Vázquez Abada continúe no cargo.DSC_0077

Nós, engadiu Pontón, imos enfrontarnos a súa política dende a rúa e os xulgados porque non é de recibo que un conselleiro de Educación “insulte a toda a comunidade educativa e inxurie a unha forza política cunha longa traxectoria democrática acreditada”.

A deputada criticou que o conselleiro de Educación non acudira ao acto de conciliación convocado hoxe nos Xulgados para rectificar as súas palabras polo que reiterou que o BNG estuda dar continuidade a demanda contra calumnias e inxurias.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG