Fronte aos vetos á lingua do PP, Bieito Lobeira asegurou esta tarde noite no Parlamento que se están gañando batallas e que o BNG non abandonará a loita pola defensa do dereito a vivir en galego e porque se cumpra a legalidade.
Lobeira tentou, sen éxito, levantar o veto que o actual goberno do PP impuxo ao galego ao longo da lexislatura e defendeu unha moción modesta cuxo obxectivo revolucionario, ironizou o deputado, era facer cumprir lei.
A iniciativa baseabase en dous pontos fundamentais, o cumprimento da lexislación vixente en materia de normalización, de transparencia e boas prácticas na administración e na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias e, no ámbito político, o cumprimento do establecido no Plano Xeral de Normalización Lingüística.
Non tentamos dar lecións nin repartir carnets de galeguidade, só defender o dereito a vivir no noso idioma
Bieito Lobeira lamentou ter que lembrar a obviedade de que o galego é un idioma, nun un dialecto, non tentamos dar lecións nin expedir carnets de galeguidade pero si reivindicamos o dereito a poder vivir no noso idioma, en todos os ámbitos da vida.
Neste sentido, criticou especialmente o decreto do plurilingüismo, polo que o galego foi excluido de asignaturas como as matemáticas, mais advertiu que non hai decreto que poida tumbar a nosa forza .
Para o deputado nacionalista, o previsíbel voto en contra de hoxe dos populares non vai ser impedimento para que o BNG teime en defender o que é o noso e o que nos identifica como pobo e lembrou que malia os impedimentos imos gañando batallas, derrotamos ao Valedor e conseguimos que o PP non se saíra coa súa o pasado 17 de Maio, puidendo celebrarse a manifestación en Santiago, mal que lles pese.
O parlamentar rexeitou a emenda do PP, non por falta de vontade de consenso, senón porque teima en non recoñecer a legalidade vixente, unha legalidade dixo- que no seu momento si contou co respaldo do grupo popular.
Lobeira retrucou ao PP que o BNG non defendía hoxe o monolingüísmo en galego, só que se cumpra a legalidade vixente
Lobeira pediu ao deputado conservador Agustín Baamonde que non tente xustificar a súa postura acusando á iniciativa nacionalista de defender o monolingüismo en galego ou o programa político do BNG en materia lingüística, pois esa non é a realidade, nós só pedimos que se cumpra a lexislación vixente.
Manipulación de Castelao
O deputado do BNG concluiu asegurando que o problema do PP é un problema de síndrome de estocolmo, de avergoñarse de ser galegos e leu un fragmento do Sempre en Galiza que demostra de forma explícita a manipulación que o grupo que sustenta o goberno tentou facer da obra de Castelao nun debate anterior.
Castelao non defendeu a sorte de bilingüismo que tenta atribuirlle o PP
Na anterior sesión plenaria, no debate da interpelación do BNG que deu lugar á moción defendida hoxe, o PP atribuiu a Castelao a defensa dunha sorte de bilingüismo que nada ten a ver co que este escribiu e que hoxe Lobeira quixo deixar claro coa lectura en alto dalgúns pasaxes da obra do escritor.