A TVG censura as valoracións dos voceiros da oposición ao discurso de investidura de Feijóo

O grupo parlamentar do BNG, a través das súas deputadas Ana Pontón e Montse Prado, quer denunciar a cobertura informativa feita pola TVG do debate de investidura de Feijóo, pois obviou retransmitir en directo a valoración dos distintos voceiros.

As deputadas nacionalistas rexistraron unha iniciativa preguntando polas razóns que levaron á dirección da CRTVG a non efectuar a dita retransmisión, “un feito sorprendente que contrasta co funcionamento habitual de calquera televisión pública en debates destas características”.

A CRTVG vulnera a legalidade vixente e segue a funcionar como un apéndice ao servizo do goberno e do PP

“Lamentamos –engaden- que a dirección da CRTVG siga mantendo unha liña de actuación que claramente está situada na ocultación da pluralidade da sociedade galega, funcionando como un apéndice ao servizo do goberno e do PP”.

Para as parlamentares, o acontecido hoxe co debate é unha clara vulneración da legalidade vixente e das obrigas que ten un medio público de funcionar baixo parámetros democráticos.

Asemade, Pontón e Prado advirten de que este tipo de prácticas tamén danan a credibilidade e valoración social que teñen os cidadáns da Compañía de titularidade pública.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG