O Tribunal de Estrasburgo restitúe os dereitos vulnerados polo Estado español coa doutrina Parot

O BNG valora como moi positiva a sentenza do Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo por entender que restitúe dereitos fundamentais que estaban a ser vulnerados por parte da lexislación do Estado español, especialmente despois de que en sucesivas reformas se incluísen penas de carácter excepcional, e que supuxeron un incremento das penas que, como sucedeu en recente sentenza da Audiencia Nacional, poden ser aplicadas de xeito totalmente desproporcionado.

Doctrina_Parot_Tribunal_Estrasburgo

A sentenza do Tribunal de Estrasburgo é inequívoca e derroga a denominada “doutrina Parot”, un claro exemplo de aplicación ilegal da lexislación por canto implica de inseguridade xurídica e, coma neste caso, de violación de dereitos individuais, dando lugar a unha situación que, de xeito inaudito, non foi corrixida nin polo Tribunal Supremo nin polo Tribunal Constitucional do Estado español, que ven agora como quedan en entredito polo Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo.

Dada a clareza da sentenza, o BNG pide aos órganos xudiciais españois competentes a aplicación inmediata da mesma e restitúan a legalidade violentada polo abuso que supuxo a “doutrina Parot”, como claramente constata o Tribunal de Dereitos Humanos.

O Bloque entende que a sentenza cuestiona a política penitenciara levada a cabo polo Goberno central e considera un bochorno xurídico e político para o Estado español que o Tribunal de Dereitos Humanos emitise unha sentenza na que se lle acusa de vulnerar dereitos persoais fundamentais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG