A deputada asegurou que o sector aporta o 40 por cento da produción láctea e aglutina o 60 por cento das explotacións a pesar da falta de apoio da Xunta de Galiza.
A portavoz de agricultura do BNG, Tereixa Paz interpelou hoxe á conselleira do Medio Rural, Rosa Quintana sobre as xestións realizadas pola Xunta de Galiza para resolver a crise do Sector lácteo galego.
Na súa intervención, a nacionalista afirmou que o Sector lácteo vive unha difícil situación provocada polos prezos de miseria que perciben os produtores, unha media de 31céntimos que nin sequera, dixo, cobren os custes de produción no que cada gandeiro inviste, entre 36 e 38 céntimos para producir un litro de leite.
A Xunta non defende o sector lácteo galego
A deputada denunciou a falta de liderazgo da Xunta para que o Estado fixe unha postura política en defensa do sector lácteo galego que lembrou, que Galiza produce o 40 por cento da produción láctea e agrupa ao 60 por cento das explotacións agrarias pero de seguiren así, dixo, veremos desafiuzamentos nas explotacións.
A parlamentaria cualificou de nova manobra de propaganda o acordo da Xunta cos produtores do leite por non incrementar o prezo no 10%, consentir as extorsións por parte da industria e non controlar os prezos das grandes superficies comerciais, desleais cos produtores de leite galego.
Neste sentido, a nacionalista pediu a Rosa Quintana que os dirixentes políticos do PP deixen de tomar o pelo a Galiza por que se a situación do sector lácteo non se resolve empezaremos a ver desafiuzamentos nas explotacións. Os produtores/as non poderán facer fronte aos pagos polos compromisos financeiros aos que foron obrigados polas políticas da UE e a adquisición de cuotas para dimensionarse, concluíu