A deputada Tereixa Paz alertou das consecuencias negativas do borrador para os produtores e produtoras galegos elaborado polo Ministerio, á marxe das achegas e realidade galega
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz criticou hoxe as medidas do novo borrador elaborado pola Ministerio de Agricultura denominado paquete lácteo sobre o que advertiu, prexudicará os intereses dos produtores e produtoras galegas.
A nacionalista respondeu á intervención da portavoz do PP, María Isabel García Pacín asegurando que a popular dixera unha grande verdade ao referirse aos alcaldes e veterinarios con explotacións gandeiras, ten vostede razón, recalcou a deputada do BNG, sabemos que hai moitos alcaldes do PP metidos no negocio do leite e constatámolo en Alimentos lácteos. A parlamentaria vaticinou que se desaparece o sector lácteo desaparecerán moitos concellos.
Feijóo comportase de maneira diferente cos distintos sectores
Ademais, criticou que Feijóo fora a París facendo de comercial para firmar contratos para Citroën ou de comercial de Ence pedindo no Parlamento a súa permanencia en Pontevedra pero non o vexo,dixo, intentando resolver a situación do sector lácteo.
Tereixa Paz preguntou tamén á titular de Medio Rural, Rosa Quintana se está disposta a seguir sendo a terminal da ministra Tejerina ou polo contrario, vai defender aos produtores e produtoras galegos. Pola súa parte, a conselleira defendeu a xestión de Terjerina porque, na súa opinión, defende o sector gandeiro galego e os gobernos están para lexislar e ser neutrais coas normativas.
Paz ironizou coa afirmación da portavoz do PP, García Pacín sobre o investimento da Xunta en I+D+i, do que dixo, parece un chiste do club da Comedia e recomendou á popular que visitara o centro de Mabegondo para escoitar aos investigadores que manteñen os seus proxectos grazas ao esforzo persoal
A deputada rexeitou, entre outras cuestións recollidas no borrador: a figurara dun mediador para unha mediación non vinculante, a falta de obrigatoriedade de pertencer a unha OPL ou un marco legal que no se cumpre nin polo Goberno de España nin pola propia consellería galega.
Dáme igual come se chame, Sra. Conselleira, Mesa do leite, Comité de crise, Interprofesional pero está vostede disposta a sentarse a falar cos gandeiros e gandeiras, cos seus representantes, coa industria, coa distribución e con todas as persoas que algo teñen que dicir como podemos saír desta situación, si ou non?. Esta disposta a defender o sector aínda que iso supoña plantarlle cara ao Goberno do Estado, si ou non?, concluíu a nacionalista.