Tereixa Paz propuxo exercer as competencias galegas na lei que reforma a Adamisntración local ao fin de regularizar a administración en función da realidade territorial e respectar a autonomía local no desenvolvemento dos servizos locais e prestacións públicas
A deputada do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe, na comisión de Administración xeral celebrada no Parlamento galego, unha Proposición non de lei contra a lei de racionalización e sustentanbilidade da administración local e pediu que a Xunta exerza as súas competencias tras a reforma da lei de administración local.
O Partido popular votou en contra da proposta nacionalista argumentando que a lei xa está publicada e a Xunta estuda os ámbitos nos que pode actuar, a Xunta está asumindo competencias que os concellos non soportarían economicamente, afirmou a popular Paula Prado.
Tras a intervención do PP, a deputada nacionalista cualificou de auténtica inxerencia contra as Comunidades autónomas a lei que reforma a administración local porque ao seu xuízo, lamina os servizos públicos que desenvolvían con normalidade os concellos.
É unha lei centralizadora, erradica competencias dos concellos , é antidemocrática porque os concellos son elixidos pola cidadanía mentres que as deputación son elixidas de maneira indirecta, as deputacións saen con esta lei reforzadas mentres os concellos son penalizados con grandes recortes.
Nesta liña criticou que os servizos dos concellos con carácter de proximidade son agora asumidos por ámbitos provinciais que non resolverán as demandas dos cidadáns.
O PP debe explicar, dixo, como vai garantir o exercicio dos dereitos a todos os veciños e veciñas dos concellos rurais con menos de 5.000 habitantes porque a Lei establece que os concellos non poderán intervir en moitos dos ámbitos dos que ata agora eran responsábeis.
A Xunta debe cumprir os seus compromisos e defender as alegacións da FEGAMP, recalcou Tereixa Paz que ademais criticou o papel do vicepresidente, Alfonso Rueda nas reunións onde foi debatida a reforma, non defendeu aos concellos galegos nin as súas demandas alí onde se decidía o futuro das políticas municipais en materia de servizos públicos e emprego.
Finalmente a nacionalista lamentou o voto negativo da proposta do BNG e reiterou que a Lei de reforma local representa un novo ataque do Partido popular aos concellos onde a asignación para políticas de emprego se reducen de 8 millóns de euros a 300.000 euros, esa é a preocupación do Partido popular para crear emprego en Galiza, concluíu.