Tereixa Paz pide á Xunta que acate a resolución que anula a privatización dos parques de bombeiros

A parlamentaria do BNG xustificou a súa petición ante a anulación do Tribunal Administrativo Central das bases para a xestión indirecta dos Parques de bombeiros da provincia da Coruña

Tereixa Paz en  Comisión

A deputada do BNG, Tereixa Paz apelou hoxe á decisión do Tribunal Administrativo Central de Recursos contractuais de anular “as bases de licitación da xestión indirecta” dos Parques Comarcais de bombeiros da provincia da Coruña, para solicitar que “a Xunta reconsidere a súa política e mantemento privatizado deste servizo”.

Tereixa Paz denuncia bases " ad hoc"  para beneficiar ás concesionarias

Na súa intervención na comisión de Administración xeral, celebrada hoxe no Parlamento galego, a nacionalista lembrou que a resolución confirma as denuncias formuladas polo BNG e ás dos propios traballadores no sentido de que o concurso estaba dirixido “claramente” a manter o reparto da “tarta entre as empresas”. As bases explicou, apuntaban de maneira nidia á empresa adxudicataria.

Ademais disto engadiu, as bases contiñan cláusulas para colocar de coordinador de parques ao “irmán do Consorcio provincial”, que é un cargo designado e cun un salario que triplica ao do resto dos bombeiros. Un dos argumentos do Tribunal Administrativo para tombar o concurso foi “a abusiva duración da adxudicación”, que blindaría durante 16 anos “ese suculento” negocio á empresa.

Tereixa Paz escoita a intervención do director Xeral

O BNG, dixo, alegrase desta resolución porque aspira, na medida en que os galegos lle dean a capacidade de facelo, a rescatar este servizo para a prestación pública e non nos gustaría ter que facelo "pagando indemnizacións multimillonarias a ningunha empresa”.

A deputada incidiu na existencia doutros argumentos da resolución que lle veñen dar a razón en que este servizo non deberá manterse privatizado, por un lado polo carácter de autoridade no exercicio da profesión dos bombeiros, que a lei reserva para os e as funcionarias, e tamén por argumentos de índole económica.

O Tribunal establece que non existe ningún tipo de risco empresarial por parte da empresa adxudicataria porque "o negocio é redondo, as infraestruturas, medios son pagados con cartos públicos, a empresa ten garantido o pago de máis de 55 millóns de euros con independencia dos seus gastos e dos traballos que realice”, así que a empresa “nada arrisca, só gaña". Para a deputada, todas estas circunstancias demostran que “a privatización non é nin máis máis eficaz para prestar o servizo e por suposto tampouco máis barata”, sentenciou.

A Xunta non confirma se manterá o concurso

Pola súa parte o Director Xeral de Emerxencias, Luís Menor, non deu resposta sobre a solución á situación tras ser coñecida a resolución nin tampouco sobre se a Xunta persistirá no concurso. Para a deputada, a resposta de Menor constata que o PP manterá a súa postura política para seguir “regalándolle cartos a unha empresa” pola privatización do servizo.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG