A deputada achaca as protestas cidadáns á grave crise económica e a crispación polo despilfarro de recursos públicos
A portavoz de política institucional do BNG, Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta na comisión primeira sobre o uso de dispositivos policiais en relación coas manifestacións cidadáns.
O aumento do desemprego, os problemas xerados polas participacións preferentes, os expedientes de regulación en centos de empresas, os recortes en sanidade e educación...provocan que a cidadanía reclame solucións, tanto ás forzas que gobernan como as as que están na oposición e fano de maneira cívica e pacifica, manifestou.
Forma parte da normalidade, dixo, que os cidadáns que reclaman estes dereitos se dirixan ás institucións, pero dende hai tempo, o Goberno galego e o Partido popular en vez de dar explicacións e asumir as críticas poñen couto a estas reclamacións e mesmo utilizan unha barreira policial para impedir o seu acceso.
Paz criticou a criminalización das mobilizacións cidadáns e a mensaxe que o Partido popular transmite das mesmas a pesar, das auténticas blindaxes policiais dos Parlamentos galego e do Estado e resto de institucións.
A deputada reiterou que as únicas visitas que se reciben no Parlamento galego son as dos cidadáns pacíficos que tentan trasladar os seus problemas aos representantes lexitimamente elixidos para tal función e a única arma intimidatoria que traen é a súa voz.
Estes cidadáns, engadiu, atopan un parlamento sitiado e rodeado de dispositivos antidisturbios , circunstancia que se repite nos actos políticos do Partido popular como os congresos provinciais celebrados por esta forza. Resulta un contrasentido, dixo, como non se repara en gastos poa estes despregues policiais, todo indica que para mobilizar a policía non hai recortes nin austeridade.
Trala resposta do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, que xustificou os despregues policiais por cuestións de seguridade, a parlamentaria reiterou que a cidadanía está soportando a desmesura dos recursos públicos na utilización das forzas de seguridade do Estado.
Tereixa Paz concluíu a súa intervención pedindo explicacións polo dispositivo policial situado diariamente na vivenda dunha conselleira do Goberno galego e amosou unha fotografía onde unha patrulla con varios policías de garda permanecen situados na porta do domicilio diariamente.