A deputada defendeu unha iniciativa para implicar ao Parlamento galego na reclamación de abrir novas negociacións
Coa proposición non de lei nacionalista, a parlamentaria do BNG, Tereixa Paz asegurou que a proposta pretende trasladar á Conselleira de Medio Rural o apoio do Parlamento galego para reclamar que se reabra a negociación da PAC no Estado despois do desastroso resultado para Galiza e os labregos/as.
A proposición non de lei do BNG foi rexeitada polo Partido popular.
Na súa intervención, Paz afirmou que a nefasta xestión e renuncia a defender os nosos intereses por parte do Goberno galego , notarase este ano con axudas reducidas nun 8,7% no seu importe.
O Goberno deixa novamente aos labregos indefensos e con axudas reducidas
A Xunta, explicou, só tiña como obxectivo manter a situación do ano anterior no que os perceptores galegos cobraban de media 3.200 euros ano fronte aos 5.500 de media do Estado. A defensa desta posición, e tras reducírense os orzamentos a partir do 2015 nun 20% vai supor un importante recorte nas axudas que recibe cada labreg@.
A Xunta, engadiu, ten a abriga de defender un modelo que permita que as axudas cheguen aos que verdadeiramente traballan a terra e manteñen o territorio. O Goberno galego non defendeu o tope máximo de 100.000 euros por perceptor, ou unha prima especial ás 30 primeiras hectáreas que favorecerían claramente ás explotacións galegas, hai que rachar un modelo no que as axudas seguirán dependendo case en exclusiva do número de hectáreas da explotación, obviando criterios como a conservación do territorio, a creación de postos de traballo ou outros factores ambientais e sociais.
O BNG avoga por un plan de aproveitamento de biomasa forestal residual
Por outra parte, na mesma comisión de Agricultura celebrada hoxe no Parlamento galego, a deputada do BNG tamén defendeu unha Proposición non de lei sobre a necesidade de elaborar un plan de aproveitamento da biomasa forestal residual.
Na defensa da iniciativa, rexeitada polo Partido popular, Paz asegurou que o Goberno da Xunta de Galiza presentou como gran achega á recuperación económica para o ano 2014 o plan de aproveitamento de biomasa para produción de enerxía anunciando un investimentos de 10 millóns de euros.
De momento, manifestou, só sabemos que parte destes cartos irán destinados a financiar a instalación domiciliaria de caldeiras de calefacción para uso de pellets. A nacionalista, ante a falta de información da Xunta preguntou polo tipo de biomasa e modelo de instalación.
A gran preocupación do BNG é si este plan consiste exclusivamente en seguir inzando Galiza de cultivos enerxéticos e especies de crecemento rápido para a súa transformación en pellets favorecendo o enriquecemento de grandes empresas enerxéticas contra o empobrecemento do noso monte e das persoas propietarias.
O plan debe incluír a transformación de biomasa primaria ou residual.
As características do noso monte e do noso clima, redundou, fan que a produción de biomasa residual sexa dunha media de 12,5 toneladas por hectárea ano chegando nas zonas de matogueira ás 40 toneladas. Por iso, Galiza o que precisa é eliminar esa biomasa para previr os incendios forestais e aproveitala para a súa valorización, transformándoa en pellets.
Galiza non precisa cultivar máis biomasa e tampouco precisa seguir inzando de cultivos enerxéticos e especies de crecemento rápido provocando un maior risco de incendios, concluíu.