Tereixa Paz afirma que o abandono da corporación de Vilar de Santos "só beneficia ao Partido Popular

A cabeza de lista por Ourense cualificou de “amortizado” o anuncio por non ser a primeira vez que o fai o alcalde de Vilar de Santos e explicou que Xoán Xosé Jardón  abandonou o BNG hai meses.

A candidata do BNG visitou hoxe Xinzo para participar nun reparto electoral acompañada por membros da candidatura nacionalista, institucionais e orgánicos.

A preguntas do xornalistas sobre o anuncio do alcalde de Vilar de Santos de abandonar o BNG, Tereixa Paz afirmou que “hai meses que abandonou o seu cargo de deputado provincial e portavoz do BNG na Deputación, estaba apartado da vida interna, orgánica e participación no Bloque Nacionalista galego, polo tanto, este anuncio,afirmou, non é novo”.

Anuncio amortizado

Para a nº 1 da candidatura nacionalista de Ourense, “ este anuncio está amortizado” e dende a nosa posición, dixo, inxerímolo nunha campaña electoral “errada” que consiste en desgastar ao Bloque Nacionalista galego.

O anuncio de abandonar o BNG só beneficia ao PP

Tereixa Paz engadiu que dende Ourense, a única maneira de facerlle fronte ao Partido popular e as súas políticas lesivas é “concentrar o voto no Bloque Nacionalista Galego por seren a “única forza política con posibilidades, en termos electorais, de frear ao PP”.

A candidata considerou que o “reiterado anuncio” do alcalde de Vilar de Santos de abandonar o BNG, “só beneficia ao Partido Popular” e insistiu en que é posible derrotar ao PP apoiando o 21 de Outubro ao Bloque Nacionalista galego.

Desleixo do PP polo  do Patrimonio cultural de Xinzo

Na súa visita a esta localidade, a candidata do BNG defendeu a posta en valor do patrimonio cultural galego como motor de desenvolvemento económico, dende o BNG, manifestou, “consideramos que Xinzo e a comarca da Limia posúen unha grande potencialidade no rico patrimonio cultural, arqueolóxico e histórico”.

Neste sentido, denunciou o “desleixo do Goberno galego” polo Museo do Entroido da Limia que rematou as obras da primeira fase hai quince anos pero hoxendía “non conta con ningún proxecto de musealización” e polo tanto, séguense a desperdiciar as máis de sesenta máscaras diferentes da provincia.

Tereixa Paz explicou que o Partido popular comprometeu un investimento de 450.000 euros para rematar o centro pero só foron destinados 10.000 euros consignados pola Deputación de Ourense e “cero euros, por parte da Xunta de Galiza”.

Despois de 15 anos, dixo, o Museo do Entroido conta “cunha lona no seu exterior informando das obras” e colocada recentemente “sen ningún escrúpulo” porque estamos en período electoral, concluíu a cabeza de lista do BNG.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG