O BNG mantivo un encontro co CxG para abordar as posibilidades de conformar unha alianza galega integrada por forzas nacionalistas de esquerda para concorrer ás eleccións europeas en maio de 2014.
Ambas formacións políticas coincidiron na importancia desta cita electoral para o futuro de Galiza e na idea de sumar forzas en clave de país, nun encontro cordial e construtivo, que terá continuidade unha vez que o BNG finalice a súa primeira rolda de contactos coas restantes forzas políticas do país.
A iniciativa do BNG pretende promover unha candidatura unitaria galega para que Galiza teña unha voz forte que defenda os seus intereses de país no Parlamento Europeo, e construír outro modelo de Europa que xire desde o poder financeiro e os lobbies económicos cara os cidadáns europeos.
Conformada esa candidatura unitaria galega, o BNG propón como segundo paso, tendo en conta que son uns comicios de circunscrición estatal, auspiciar unha gran coalición de forzas tamén nacionalistas e de esquerda das outras nacións sen estado, en particular de Euskadi e Catalunya.
A delegación do BNG estivo encabezada polo portavoz nacional, Xavier Vence, xunto coa secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, e o secretario de Organización, Bieto Lobeira. Por parte de CXG asistiron o secretario xeral, Xoan Bascuas, e os membros da Executiva, Xulia Guntín e Rafael Cuíña.
Vence salientou que a fórmula que propón o BNG ten como obxectivo sumar apoios para que Galiza acade unha representación de peso no Parlamento Europeo, que nos permita defender os intereses do país ante unha UE cuxas decisións deciden o futuro dos nosos sectores produtivos. E, por outro lado, contribuír a deseñar unha Europa social e dos pobos, alternativa ao modelo actual dominado pola Troika, pola gran banca e polos lobbies económicos, que da as costas á cidadanía europea.