Sinatura de declaracións en Carballo para sermos galeg@s para sempre

Galeg@ para sempreEste mércores, día 30 de outubro, en vésperas do Día de Defuntos, diversas persoas a nivel individual asinarán en Carballo a declaración Galeg@ para sempre, na que se recoñece a lingua como factor principal da galeguidade e coa que as persoas asinantes declaran que a lingua galega é a súa lingua propia, que se senten identificadas con ela e a que queren que se use para seren lembradas.

Ademais, no acto público, visibilizaranse os compromisos adquiridos pola parroquia e polas cinco funerarias que operan en Carballo, mediante os cales se comprometen a preguntarlles a familiares ou persoas achegadas, en cada caso, que lingua queren que se use na lápida, recordatorio, necrolóxica, flores, actos, etc. Tamén servirá como adhesión simbólica do Concello á declaración do Día da restauración da memoria lingüística, promovida pola Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística, recentemente aprobada e asinada por todas as organizacións políticas e sindicais galegas, entre elas o BNG.

O obxectivo é fomentar o galego nas cuestións relacionadas coa morte, visibilizando a lingua como factor principal da galeguidade e procurando que persoas que con frecuencia usan, viven, queren e/ou se identifican coa lingua galega, poidan ser lembradas tamén en galego despois do seu pasamento.

Só unha de cada mil lápidas está en galego, e só o 2% das necrolóxicas se fai na nosa lingua. Na actualidade, a presenza da nosa lingua despois da morte é moito inferior que na vida. Quen visite un cemiterio do noso país, por exemplo, podería pensar que o galego non existe, pois alí a súa presenza é practicamente nula. Mentres nas “parroquias d@s viv@s” a maioría da xente se relaciona en lingua galega, os datos estatísticos indican que só unha de cada mil lápidas das “parroquias d@s mort@s”, dos cemiterios, e só un 2% das notas necrolóxicas dos xornais, están en galego.

Deste xeito, cómpre dar pasos para que, tamén despois da morte, o maior patrimonio común de todas as galegas e galegos, teña presenza, sexa visíbel, exista. Dar pasos para que, quen en vida usou o galego, sexa lembrado/a nesta lingua. Dar pasos para sermos galeg@s para sempre.

O acto público terá lugar este mércores 30 de outubro, ás 20.00 h, no salón de plenos do Concello de Carballo.

Descargas:

Declaración individual Galeg@ para sempre

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG