A deputada, Montse Prado pregunta no Parlamento por que se oculta esta información á Xunta de Persoal
Ante o anuncio do Presidente da Xunta da posta en marcha de novo Hospital, no primeiro semestre de 2015 , e o descoñecemento dos traballadores e traballadoras sobre as novas condicións do seu posto de traballo e a situación de reordenación da área sanitaria, a deputada do BNG, Montse Prado preguntou por que razón a consellería non fai pública a dotación de servizos e cadro de persoal.
Ademais, a parlamentaria tamén preguntou ao Goberno pola ocultación desta información á Xunta de persoal. Para Montse Prado, esta situación está a provocar unha grande incerteza entre os traballadores e traballadoras que pode alterar o axeitado clima de traballo e unha asistencia sanitaria normal.
Tras a intervención da responsábel de Recursos Humanos do SERGAS,Margarita Baamonde, a deputada mostrou o seu malestar por non acadar respostas concretas ás preguntas formuladas, preguntei por sete cuestión que vostede non me respondeu, dixo.
E criticou que o goberno proceda na Comisión de Sanidade da mesma maneira que cos traballadores, non respondendo as súas demandas e ocultando a información. A vostede e a consellería, recalcou, pode parecerlle habitual que se produzan relevos pero nós cremos que obedecen a outra intencións sobre todo no momento máis crítico na área sanitaria de Vigo.
O novo xerente, explicou, recoñece que existe unha preocupación real ante a cronoloxía do traslado, cousa que vostede hoxe acaba de negar a pesar dos problemas na adxudicación dos equipamentos pendentes.
Improvisación no cronográma e incertidume no persoal e a poboación
Por outra parte, o xerente tamén recoñeceu que se producirá un aumento das listas de espera o que demostra que non todo vai tan ben como vostedes se empeñan en afirmar.
Montse Prado volveu preguntar pola contratación de dúas empresas para o traslado e o deseño do mapa de procesos, é dicir, a estas alturas contratan vostedes unha consultora para que defina os criterios sobre como se debe traballar no novo centro hospitalario.
A deputada rematou a súa intervención acusando ao Goberno galego de despilfarrar recursos públicos no novo hospital e a maiores contratar empresas externas para determinar o traballo que fan con normalidade @s traballador@s da Sanidade, improvisación no cronograma sobre o previsto, incertidume do persoal e da poboación e ninguneo do persoal concluíu.