Rosana Pérez reprocha a Gómez Pumar que privaticen AENA en lugar de traspasar a competencia a Galiza

_J0C8787A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixiuse esta tarde ao Secretario de Estado de Infraestruturas e Transporte para criticar o proceso de privatización de AENA e a falla de explicacións da Ministra de Fomento ao respeito.

Rosana Pérez lembrou que desde xuño de 2014 o BNG tiña solicitado a comparecencia da Ministra de Fomento para que informase da privatización de AENA. “Máis até hoxe ninguén veu dar explicacións. Vostede é o máximo expoñente da política de feitos consumados deste Ministerio”. Reprochou tamén a falla de información ás CC.AA.

Privatizan antes de transferir competencias

Lamentou o espectáculo de ver “como o Goberno entrega, unha vez máis, unha empresa pública con beneficios aos fondos de inversión, mentras se nega a que Comunidades como Galiza teñan a competencia na xestión dos aeroportos para facer unha política aeroportuaria coordenada”.

O BNG, subliñou, “pediu a paralización do proceso de privatización e a apertura dun diálogo coas CC.AA para a implantación dun modelo de xestión aeroportuario descentralizado”. Reprochou que o Goberno se negase a transferir a Galiza a competencia en xestión aeroportuaria baixo o argumento de que “un todo mellor que as partes” cando agora “procederon á partición dese todo”. Acusou ao Goberno “de non ter tido escrúpulos á hora de transferir case a metade de AENA ao sector privado”.

Criticou que “vaian permitir que empresas privadas, incluso de capital estranxeiro, sexan as que asuman os aeroportos”. Censurou o “traspaso de patrimonio público a máns privadas que vai empiorar a calidade do servizo porque as empresas privadas se moven por criterios de rendabilidade”. E aludiu ao que está sucedendo coa enerxía e a electricidade.

Preocupación pola seguridade aérea e os traballos

Ademáis de interesarse polas garantías que van existir en relación á seguridade aérea, Rosana Pérez amosou a inquedanza do BNG polos traballadores e traballadoras de AENA que “xa nos últimos anos se viron afectados por importantes recurtes e ERE´s”.

Tamén preguntou a Gómez Pumar se o Goberno prevé dar o seguinte paso á privatización total de AENA. “Dados os antecedentes temos sospeitas fundadas de que ese poida ser o obxetivo”. Reprochou ao Secretario de Estado que mentras recoñece que a rede aeroportuaria é una infraestrutura estratéxica para a economía, leven a cabo este proceso. “Como se xustifica estas operación que vai ter consecuencias moi negativas en territorios como Galiza?

Como explican esta privatización nun momento no que o tráfico aéreo está en alza, a compañía obtén beneficios e según vostedes a recuperación económica está en marcha?”.

Rosana Pérez conminou a Gómez Pumar a explicar os verdadeiros motivos desta “expropiación en toda regla”. Acusou ao Presidente de AENA de negar así ingresos no ámbito público, e tamén negarlle esa posibilidade ás CC.AA. “Ao final estamo no de sempre cos gobernos do PP: a entrega de servizos públicos a empresas privadas e perxuizos para millóns de cidadáns. Ímolo pagar os de sempre”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG