Rosana Pérez propón ao Adif que ceda as estacións abandoadas aos concellos e CCAA

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez Fernández, presentou unha proposición non de lei e unha pregunta por escrito na Cámara debido ao anuncio do ADIF de vender 423 estacións ferroviarias pechadas.

A deputada do BNG insta ao Goberno a ceder gratuitamente, ou no seu defecto, vender a prezo moi baixo a concellos e CC.AA as estacións de tren abandoadas que ADIF vai vender posto que se trata de patrimonio público. Asemade, Davila empraza ao Ministerio de Fomento a realizar un plan específico sobre as numerosas estacións e apeadeiros ferroviarios abandoados na Galiza para incluilas nun futuro servizo de proximidade.

Nun terceiro punto, Rosana Pérez empraza ao Ministerio a iniciar un diálogo coa Xunta en relación a esta cuestión co obxectivo de traspasar as liñas ferroviarias en desuso, así como as estacións clausuradas, para a implantación de servizos ferroviarios de cercanías.

É patrimonio público que debería revertir na cidadanía

Rosana Pérez considera que “a venda de patrimonio arquitectónico público como é o caso das estacións sinaladas, debería seguer uns pasos previos.

Sería axeitado ofrecer primeiro estes edificios a outros organismos e institucións públicas como poden ser concellos ou CC.AA para que os poidan destinar a usos culturais, sociais ou doutro tipo así como a posibilidade de estabelecer servizos de proximidade”.

A deputada do BNG afirma que se trata de patrimonio público “costeado por todos os cidadáns. O ideal sería cedelo gratuitamente aos concellos e CC.AA, actualmente moi deficitarios en recursos económicos. Ou polo menos, venderllo a prezo moi baixo”.

A parlamentar nacionalista alude ao anuncio do ADIF de pór en venda 423 estacións en desuso para captar recursos económicos. Débese ter en conta que moitas destas estacións se atopan en estado de abandono e precisan un plan de rehabilitación.

Na Galiza, puntualiza, coa posta en marcha das novas liñas ferroviarias como a do Eixo Atlántico, moitas das estacións foron pechadas. O BNG, sinala, “sempre reivindicou en múltiples iniciativas parlamentares o traspaso de liñas en desuso así como as estacións situadas neses tramos para poder crear unha rede ferroviaria de cercanías.

Neste sentido, a deputada do BNG menciona as previsións de peche de estacións no trazado Santiago-A Coruña, ou entre Redondela e Santiago. Ademáis das que se poderían pechar noutras conexións ferroviarias na Galiza.

Rosana Pérez pregunta ao Goberno cantas desas estacións se van vender en Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG