A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou dúas iniciativas parlamentares na Cámara Baixa para demandar ao Goberno a transferencia a Galiza da competencia sobre a xestión dos aeroportos galegos a fin de solucionar o grave problema de perda de tráfico aéreo que sofre Peinador, Alvedro e Lavacolla.
Mentras tanto, a deputada do BNG pide ao Goberno que recupere o órgao do Comité de Rutas que integraba diversas administracións para poder planificar o mapa de rutas aéreas. Por iso, considera urxente que se aprobe, através do consenso coas distintas administracións, o mapa de rutas aéreas namentras non se aborda o traspaso das competencias.
Parar a constante perda de tráfico aéreo
A deputada nacionalista traslada ao Ministerio de Fomento a preocupación do BNG pola perda de tráfico nos tres aeroportos de Galiza, unha perda de tráfico que non se pode achacar íntegramente á crise económica, senón mais ben á falla de coordenación e dunha xestión eficaz, que debido ao actual modelo de xestión aeroportuario centralista non permite que Galiza organice e xestione o seu espazo aéreo.
A descoordenación, sinala Rosana Pérez, xa é algo que se recoñece desde todos os ámbitos e aos dados de perda de tráfico me remito. Nese sentido, aporta nas súas iniciativas parlamentares dirixidas ao Goberno as cifras de caída do tráfico de pasaxeiros nos tres aeroportos correspondentes a este primeiro periodo de 2013. Pón de exemplo o aeroporto de Porto en Portugal onde tamén padecen os efectos perversos da crise, máis ese aeródromo medra cada vez máis.
Critica a deputada do BNG o modelo aeroportuario existente no Estado español que se rixe por unha xestión centralista, suxeito a un modelo radial e unipolar que intensifica a condición periférica de Galiza, moi dependente dos voós que despegan de Madrid. Galiza, sinala, precisa dun modelo aeroportuario galego coordenado, integrado, baseado na especialización e na complementariedade co obxetivo de aumentar os seus tráficos aéreos e incrementar as conexións nacionais e internacionais, así como as frecuencias.
Rosana Pérez subliña que un modelo aeroportuario coordenado desde Galiza permitiría ter unha estructura en rede, potenciando as rutas e ofrecendo frecuencias máis axustadas ás necesidades dos usuarios. Temos 3 aeroportos próximos entre sí pero xestionados de maneira descoordenada que non permite potencialos nen mellorar a oferta integrada. É preciso incentivar a complementariedade e a especialización, é o xeito de poder diversificar destinos.
Alude ao Comité de Rutas creado hai uns anos para mellorar o mapa de rutas aéreas, máis os seus logros foron escasos porque non ten capacidade executiva. Considera a deputada do BNG que namentras non se produza nos traspasos de competencias nesta materia, este Comité debe planificar un mapa de rutas contando con todas as administracións implicadas.