A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou hoxe unha pregunta na Cámara para criticar a drástica reducción de prazas na convocatoria do Programa Ramón e Cajal e menciona casos como o do físico galego Diego Martínez, que foi excluido do Programa.
A deputada do BNG reprocha ao Goberno que recortase de maneira significativa as xa reducidas partidas destinadas a investigación, I+D+I ou ao Programa Ramón e Cajal, que nesta última convocatoria pasou a ofrecer só 175 prazas cando na anterior había 250, e noutros anos se chegou a 350 prazas. Asemade, critica o enorme retraso que sofre a convocatoria de 2012 que aínda se fai con case un ano de demora.
Rosana Pérez alude ao caso do físico galego Diego Martínez que xerou unha grande polémica na prensa debido a que a Comisión que selecciona a investigadores para a sección de Física do Programa Ramón e Cajal, rexeitouno a pesar de ser premiado recentemente pola Sociedade Europea de Física como o mellor investigador mozo de Europa. Un recoñecemento europeo que non tivo a mesma proxección no Estado español, e a pesares do seu desexo de retornar para traballar aquí.
A parlamentar nacionalista sinala que aludimos a este caso específico debido á trascendencia mediática que acadou, pero debemos deixar moi claro que a situación da investigación é verdadeirmente alarmante e preocupante dados os duros recortes que o Executivo está a practicar.
Mocidade investigadora obrigada a emigrar sen que o Goberno faga nada
Afirma que son moitos os mozos investigadores e científicos de grande valía que se ven obrigados a emigrar até o punto de que o Estado español se está a converter nun auténtico exportador de talentos. Cada vez son máis os que se van a países avanzados e non tan avanzados onde atopan as oportunidades que aquí se lles negan.
Reprocha Rosana Pérez que a sociedade no seu conxunto faga un grande esforzo inversor en formación para que despois os nosos mozos e mozas sexan captados por outros países como Alemaña, Franza, EE.UU, Suiza ou Holanda no que constitúe unha auténtica fuga de cerebros. A deputada do BNG denuncia a reducción en bolsas e programas de investigación que precisamente se debería coidar porque constitúe o futuro dun pais.
De aí que formule unha batería de preguntas ao Goberno para saber por que motivo recortou tanto as prazas do Programa Ramón e Cajal e demandarlle que rectifique esta regresiva política e aumente as prazas, así como as bolsas e os programas destinados a investigación e ciencia.
Non cre que o Estado español se está a converter nun auténtico exportador de cerebros? Non considera que con estas políticas está a obrigar aos mozos máis formados e cualificados a emigrar?.