A deputada do BNG quer saber a que se deben a dúbidas das empresas eléctricas á hora de emprender as reformas a que obriga a norma comunitaria cando son compañías que ingresan grandes beneficios
Madrid, 25 Abril 2013. A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara para preguntarlle ao Goberno sobre as conversas que está a manter coas empresas Endesa e Gas Natural Fenosa en relación á aplicación da Directiva europea de Emisións Industriais.
A deputada do BNG amósase especialmente preocupada polas centrais térmicas galegas de As Pontes e Meirama, das que son donas estas empresas eléctricas. Lembra que a directiva comunitaria obriga ás centrais térmicas a reformas as súas instalacións para rebaixar entre un 50 e un 60% as emisións de azufre, óxido de nitróxeno e partícula, e reducir así a contaminación.
Empresas con grandes beneficios
Endesa e Gas Natural Fenosa deben decidir antes de fin de ano se van executar os investimentos a levar a cabo a partir de 2016, ou se pola contra, optan por non realizar as reformas o que só lles permitiría funcionar 17.500 horas máis pero despois terían que pechar. Lembra a deputada do BNG que a plantilla de ambos centros se sitúa en 1.500 persoas.
Rosana Pérez alude ás conversas que ambas empresas estarían a ter co Goberno sobre esta directiva. Directivos de ambas empresas terían afirmado que proceder a investimentos deste tipo requeriría que se garantise a rendabilidade.
Razón pola que plantexa unha batería de preguntas ao Goberno: Está o Goberno dialogando coas empresas eléctricas en relación á aplicación da directiva comunitaria de Emisións Industriais? De ser así, Qué decisións se van adoptar estas empresas donas das térmicas de As Pontes e Meirama? Van facer as reformas que marca a directiva europea?.
A deputada do BNG quer saber a que se deben as dúbidas das eléctricas á hora de emprender estes investimentos cando se trata de compañías que ingresan importantes beneficios anuais.
Pregunta do BNG sobre emisións industriais nas centrais térmicas (93,3 KB)