A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara que insta ao Ministerio de Industria a permitir a instalación de láminas solares con filtros de raios UVA nas fiestras dianteiras e nos parabrisas dos coches para protexer a saúde de persoas con doenzas como melanomas, problemas de fotosensibilidade ou afeccións dermatolóxicas.
Rosana Pérez pide ao Goberno que aprobe a normativa pertinente para facilitar estes sistemas de protección para persoas con enfermidades ás que prexudica enormemente a exposición solar. Explica a deputada do BNG que o Goberno regulou este tema só para os afectados de lupus sistémico. Só fixo esta excepción, obviando así a outros moitos enfermos aos que lles afecta a exposición solar.
A parlamentar do BNG traslada unha demanda que fan moitos colectivos de persoas con problemas de saúde. A instalación de cristais con filtros solares nas fiestras dianteiras e nos parabrisas dos coches melloraría a calidade de vida de miles de persoas que padecen melanomas, afeccións dermatolóxicas, ou doutro tipo. As láminas solares absorben o 99% da radiación ultravioleta.
Non existe esta prohibición noutros paises de Europa. No estado español só permitido a coches de gama alta
Ademáis, engade, esta prohibición non existe noutros países de Europa, e moitos profisionais sanitarios están a favor desta medida. Resultaría doado que estas láminas solares se incorporasen de fábrica na parte dianteira dos coches, pero no estado español só se instalan nos vehículos de gama alta. Algo que se poden ver con asiduidade nas imaxes de futbolistas millonarios conducindo os seus coches de luxo con cristais con filtros.
Rosana Pérez critica este aspeito porque ao final temos que pensar que se trata dunha cuestión de elitismo social. E reprocha ao Goberno a doble moral: É un paradoxo que desde as instancias sanitarias se realicen continuas recomendacións para que se evite a exposición solar polo avanzo do cancro de pel, á vez que se impide que persoas que padecen este tipo de doenzas poidan rebaixar os efectos negativos do sol.
A deputada do BNG insta ao Executivo a ser sensíbel a esta cuestión e a atendela canto antes porque redunda na mellora da calidade de vida de miles de persoas con problemas.