A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia do Secretario de Estado de Seguridade para que explique o desmesurado dispositivo de efectivos da Garda Civil onte en Sarria para o desaloxo dunhas poucas persoas do malecón e permitir a tala de árbores.
Rosana Pérez tamén presentou pregunta parlamentar dirixida ao Ministerio de Interior e outra a Medio Ambiente para peder explicacións por partida doble polo inicio onte da tala de árbores por parte de operarios da Confederación Hidrográfica cando esta entidade se comprometera a modificar o proxecto de ordenación de marxes dos ríos Sarria e Celeiro, despois das movilizacións de febreiro pasado.
A deputada do BNG subliña que se trata dun proxecto que contou e conta cunha grande oposición social pola falla de respecto mediombiental como queda evidenciada na intención de talar case 200 árbores da ribeira.
Lembra que os veciños e veciñas, así como colectivos e organizacións ecoloxistas da zona lograron parar a tala das árbores coas súas movilizacións hai dous meses. Onte víronse sorprendidos por un numeroso dispositivo policial, que contou incluso con anti disturbios, para desaloxar a vinte persoas que permanecían acampadas no malecón para evitar a destrución das árbores.
A Confederación incumpre os seus compromisos
Sorprende ademáis, que a propia Confederación Hidrográfica anuncie que vai cambiar o proxecto para incluir as demandas da Plataforma Sarriana polo río e na práctica se faga política de feitos consumados, denuncia Rosana Pérez.
A deputada do BNG salienta que de novo debemos celebrar a pericia e a dilixencia dos veciños e veciñas que evitaron que a destrución das árbores continuase. A súa iniciativa de interpór unha denuncia no cuartel da Garda Civil, e logo presentar a documentación no xulgado comarcal de Sarria, fixo que a xuiza dictase orde de paralización da tala de árbores, cando xa levaban cinco cortados.
A parlamentar nacionalista advirte ao Ministerio de Medio Ambiente que a política de feitos consumados non é o camiño axeitado para silenzar a multitude de persoas con sensibilidade ecolóxica, que non desexan ver as marxes do río Sarria sen árbores, cando existen outras alternativas. Por iso, pide explicacións á Confederación Hidrográfica, e lle demanda diálogo.
Explicacións polo dispositivo
En relación ao Ministerio de Interior, formúlalle unha batería de preguntas polo desconcertante dispositivo da Garda Civil: Como se explica que para desaloxar a unhas poucas persoas se dispoña dun dispositivo semellante? Cal era o propósito? Considera o Goberno que en tempos de graves dificuldades económicas se pode custear un dispositivo coa única intención de atemorizar aos veciños e veciñas?.
Rosana Pérez censura que se actúa deste xeito ante protestas que foron totalmente pacíficas, baseadas en principios pacifistas de resistencia pasiva e ningún tipo de violencia.