A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia do Ministro de Educación, José Ignacio Wert, para que acuda canto antes á Cámara a explicar a posición do Goberno en relación á reforma educativa en marcha despois do varapao do Consello de Estado.
Rosana Pérez afirma que a denominada Lei Wert, fortemente cuestionada desde todos os ámbitos, sobre todo o educativo, recibiu as críticas do propio Consello de Estado que censura e critica varios puntos da reforma educativa do PP, e reclama un acordo xeral das forzas políticas e sociais para procurar un texto que poida dar maior estabilidade ao sistema.
Un Consello de Estado que pón en cuestión a vergoñenta Lei Wert no que atinxe ao ensino en castelán en Comunidades bilingües, na intención de suspender Educación para a Cidadanía e no maior estatus que se lle da á asignatura de relixión. Sen esquecer a crítica á segregación de alunos por sexo e o cuestionamento da dotación económica asignada.
É dicer, puntualiza Rosana Pérez, o dictame do Consello de Estado é unha auténtica emenda á totalidade dese proxecto. É unha lei inviábel, que non hai por onde collela e que representa unha involución educativa e social, unha regresión propia de tempos pretéritos que vai en contra da sociedade, da comunidade educativa, dos estudantes, que vai en contra da propia evolución social.
O BNG apoia a folga no ensino de mañá
Rosana Pérez considera que o Ministro debe demitir porque está fortemente cuestionado desde todas as frentes. É incapaz de suscitar consenso nen de cambiar o paso cara unha lei educativa democrática, igualitaria, respetuosa coas competencias e cos dereitos linguísticos das Comunidades como Galiza con lingua propia. A mostra é a folga convocada para mañá por todos os sectores da comunidade educativa .