A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou este mediodía a comparecencia urxente do Presidente da SEPI, Ramón Aguirre, para que informe en sede parlamentar sobre a misiva enviada polo Presidente de Navantia á plantilla na que anuncia un Plan Estratéxico.
Unha carta, puntualiza, na que o responsábel dos estaleiros públicos advirte dos graves problemas polos que atravesa Navantia. Problemas, sinala Rosana Pérez, que el mesmo, así como a SEPI contribuiron a agravar dada a súa pasividade absoluta ante a falla de carga de traballo dos estaleiros públicos. Unha situación advertida desde hai tempo tanto polos traballadores como polo BNG nas numerosas iniciativas parlamentares presentadas no Congreso.
A deputada do BNG critica que se anuncie un Plan de aforro de custes, a redefinición do novo submariño ou a potenciación de áreas como a de reparacións navais. Nese sentido, reprocha á SEPI e a Navantia a súa negativa a construir o dique flotante nos estaleiros da Ría de Ferrol porque era unha garantía de traballo para case dous anos.
Asemade, Rosana Pérez amosa a preocupación do BNG polo futuro dos traballadores dado que na súa carta o Presidente de Navantia fala de que tamén será necesario un novo marco laboral na liña coas necesidades das empresas que compiten a nivel global, mellorando en flexibilidade e eficiencia. Para a parlamentar nacionalista trátase dunha auténtica chantaxe nun momento de negociación do convenio colectivo.
A deputada do BNG pón de manifesto a precaria situación dos estaleiros de Fene e Ferrol que van quedar sen carga de traballo en tres meses. E que fixo a SEPI? Que xestións realizou para lograr pedidos? Non é difícil respostar a esa pregunta, non se fixo nada. E por riba ter unha actitude obstruccionista ante proxectos como o do dique flotante.
Para Rosana Pérez estas novas son verdadeiramente alarmantes e o responsábel da SEPI debe dar explicacións canto antes. Hai solucións e hai vías para que Navantia mellore, o problema é que non hai vontade política de salvar o naval público.