A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia urxente do Ministro de Sanidade, Alfonso Alonso, para que explique a súa negativa a incluir a vacina do meninxococo B no calendario de vacinación.
E para que explique por que motivo se nega tamén a liberar a súa venda nas farmacias para evitar que moitos pais e nais se despracen a países limítrofes a mercar a vacina.
Rosana Pérez que xa rexistrou unha iniciativa parlamentar e unha proposición non de lei sobre este tema, considera que o titular de Sanidade debe acudir á Cámara a dar as pertinentes explicacións sobre unha cuestión sanitaria que está a provocar unha grande preocupación non só entre os proxenitores senón tamén entre pediatras e o sector farmacéutico.
A deputada do BNG cuestiona absolutamente as vagas excusas do Ministro baseadas en posíbeis efectos secundarios da vacina. Non teñen credibilidade porque chove sobre mollado e basta con lembrar a posición obstaculizadora do Ministerio para coa vacina da varicela ou cos tratamentos da hepatite C. Son excusas de mal pagador que só pretenden agochar a auténtica verdade: os recurtes en materia sanitaria.
Preocúpalle ao Ministro que se merque a vacina noutros países e se transporte sen as debidas garantías de
conservación?
Rosana Pérez afirma que en territorios como Galiza preocupa moito máis a incidencia máis alta da meninxite que os efectos secundarios da vacina. Ademáis, o Ministro debería preguntarse se é mellor que moitos pais e nais vaian desesperados a outros países a mercala e a transportala sen as garantías pertinentes de conservación e mantemento da vacina. Esta cuestión debería estar entre as súas preocupacións prioritarias.
A deputada do BNG non só pon de manifesto as consecuencias sanitarias, senón que resalta asemade os efectos sociais: Os que teñen recursos económicos e posibilidades de viaxar a outros países, poderán adquirir a vacina, e os que non quedarán sen ela. A política habitual do PP consistente en aumentar as desigualdades sociais.
Con ironía a deputada nacionalista pregúntase se os fillos e as fillas de altos cargos do Goberno e do PP quedaron ou quedarán sen a vacina do meninxococo B. Seguramente que farán o posíbel por dispensarlla aos seus fillos como é lóxico e natural, pois o mesmo queren os demáis.