A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar e unha proposición non de lei na Cámara na que insta ao Goberno a non discriminar ás centrais térmicas de As Pontes e Meirama na regulación do sector eléctrico que está a preparar e no Plan do Carbón 2013-2018.
Rosana Pérez pide ao Executivo que se comparta entre todas as tecnoloxías do sector eléctrico o estabelecemento dun cupo propio de producción eléctrica para o carbón español, que faga unha lei enerxética que contemple o deseño dunha estratexia enerxética coherente e a especificidade de Galiza como exportadora neta de enerxía, accedendo á tarifa eléctrica máis baixa. E finalmente, insta ao Ministerio a incluir ás comarcas mineiras de Galiza no novo Plan do Carbón 2013-2018.
Galiza debe estar no Plan do Carbón 2013-2018 para correxir discriminacións
Explica a deputada do BNG que o Ministerio está a negociar o novo Plan do Carbón, e unha nova lei enerxética que pretende aprobar proximamente nun Consello de Ministros. Parece que unha das ideas que manexa o Executivo é a de privilexiar o uso do carbón español en detrimento do carbón de importación. De ser así, as centrais térmicas galegas sufrirían un duro revés, xa que realizaron grandes investimentos para adaptar as súas instalacións ao consumo de carbón importado.
Sinala a parlamentar nacionalista que as centrais de As Pontes e Meirama están en comarcas altamente dependentes da minería. Lembra que Rosana Pérez que no Plan do Carbón 1998-2005, as comarcas mineiras galegas só recibiron o 2,57% dos fondos a pesar de que a perda de emprego da minería galega nesa época representou o 8,49% do total estatal. Despois, no Plan do Carbón 2006-2012, aprobouse unha partida de 100 millóns para obras en infraestructuras sen que ningunha das actuacións aprobadas se desenvolvese nas comarcas mineiras galegas.
O cupo propio para o carbón español debe repartirse entre todo o sector eléctrico
A deputada do BNG engade a esta listaxe de agravios, a eliminación das primas ao sector das renovábeis e a suspensión do rexisto de preasignación que supuxo a práctica eliminación das fábricas do sector eólico. Así como a modificación da interrumpibilidade que pode levar ao peche de MEgasa.
Rosana Pérez afirma que se o carbón español necesita un cupo de producción concreto, debe ser compartido por todas as tecnoloxías de producción eléctrica. O BNG non é contrario a que o carbón español teña un cupo propio de producción eléctrica, pero non compartimos a ideia de que este cupo vaia integramente a conta do carbón importado. Defendemos que sexa compartido por todas as tecnoloxías do sector: a nuclear, a hidráulica, o gas natural .