A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que exixe ao Ministerio de Fomento a modernización da conexión ferroviaria A Coruña-Ferrol, unha vez que se confirmou que Ferrol fica fóra do Eixo Atlántico.
A deputada do BNG alude á resposta recente de Fomento ao BNG na que deixaba claro que se descarta estender a alta velocidade até Ferrol. Unha vez confirmado o que xa sospeitábamos desde hai tempo, que melloras vai emprender Fomento na liña convencional que supoñan unha auténtica modernización, con melloras dos tempos de viaxe e do material rodante? Cando van deixar de facer simples retoques e se aborde por fin unha mellora en serio do tren convencional?.
Ferrol debe ser compensada
Rosana Pérez critica que se marxine a Ferrol, excluíndoo do mapa ferroviario moderno, e pide unha compensación para a cidade ferrolana. O panorama actual é que Ferrol non terá AVE nin tampouco un tren convencional moderno. Vai ser unha das grandes esquecidas no mapa ferroviario, o que vai deprimir aínda máis se cabe a situación económica e social de Ferroterra a pesar de ser un eixe que conta cunha importante poboación.
Afirmou a deputada do BNG que os ferrolanos e ferrolanas só reciben malas noticias por parte do Goberno do PP. Navantia non ten carga de traballo e o Eixo non sigue até Ferrol. Por iso demandou que se salve Navantia e se dote á cidade dun ferrocarril avanzado.
Alude asemade a unas das afirmacións que fai Fomento na resposta recibida na que indicaba que estaba a procurar un tipo de oferta que se amolde máis á demanda real da zona, comezouse en maio de 2013 a redacción dun estudo sobre a viabilidade da implantación dos servizos de proximidade en diversas áreas metropolitanas galegas. O tramo A Coruña-Ferrol é un deles.
Está rematado dito estudo? Cais son as conclusións? Vanse implantar servizos de cercanías na Galiza?.