A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, deixou claro hoxe que o BNG se oporá rotundamente á LOMCE que hoxe vai ao Consello de Ministros, e que en breve entrará en tramitación na Cámara Baixa.
O Ministro de Educación, José Ignacio Wert, anunciou onte que o anteproxecto de Lei Orgánica da LOMCE irá esta mañá ao Consello de Ministros, e cuxo propósito do Goberno é o de que estea aprobada para o outono e se poida pór en práctica no curso 2014-2015, case no fin da lexislatura.
Para Rosana Pérez, non nos sorprende o xeito de actuar do Goberno de Rajoy porque no que vai de lexislatura, ténnos acostumados a gobernar por Decreto ou en contra da sociedade. Máis, após a masiva movilización e contestación na rúa o pasado 9 de maio de toda a comunidade educativa, da sociedade en xeral, o normal sería que se retirase a coñecida como Lei Wert.
A Lei Wert debería ser retirada.
Ademáis do contido da norma, que non hai por onde collelo, sinala Rosana Pérez, nun contexto de grave crise e recortes sen fin, vanse gastar centos de millóns de euros nunha nova Lei educativa que non se precisaba baixo ningún argumento, e que ademáis, moito nos tememos que unha boa parte vaia recaer sobre as CC.AA. O financiamento está en entredito, e nen está claro de onde vai sair. A única razón do PP para atacar á educación pública, laica, igualitaria e diversa linguísticamente, é por criterios ideolóxicos cimentados na doutrina da ultra dereita. A teima por implantar un novo sistema educativo débese a cuestións ideolóxicas.
Non agardamos grandes cambios, afirma a deputada do BNG, e aínda que se introduzan modificacións no texto que hoxe mira o Consello de Ministros, serán menores porque a lei tal e como está configurada habería que retirala por completo. Ademáis, salienta, se o Goberno seguise todas as recomendacións do Consello de Estado no seu informe tería que anular o proxecto e facer outro, algo que desde logo non fixo.
Comparecencia do Ministro o 22
De todos os xeitos, sinala a deputada nacionalista, interpelaremos ao Ministro de Educación a vindeira semana xa que acudirá ao Congreso a comparecer o mércores 22 pola tarde. Unha comparecencia que o BNG ten solicitado desde hai tempo. Nesa sesión, explicou, trasladarémoslle as nosas críticas, os nosos plantexamentos que van precisamente na liña contraria do PP: máis aposta pola educación pública, máis recursos para o ensino púbico, respecto polo plurilingüismo e as competencias autonómicas en materia de educación, ensino laico, igualitario e moderno, nada de subvencións para centros que segregan por sexo.