A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara cunha serie de preguntas concretas sobre o anuncio de construción de catro petroleiros para Navantia.
A deputada do BNG critica os anuncios do PP de carga de traballo para Navantia en periodo eleitoral. O PP xa nos ten acostumados a unha dinámica de anuncios de contratos para os estaleiros públicos de Navantia en periodo eleitoral. Anuncios de campaña que unha vez superada pasan a mellor gloria, desaparecendo por completo.
Rosana Pérez subliña afirma que os anuncios do PP en campaña eleitoral xa son un clásico. Comezou o Presidente da Xunta en outubro de 2012, na campaña ás elecións ao Parlamento galego, co anuncio de dous floteis para Pemex. A continuación debemos lembrar o episodio do ano pasado. Xusto o día antes do inicio da campaña eleitoral das elecións europeas, o Presidente de SEPI anunciaba o 7 de maio desde Santiago, acompañado polo Presidente da Xunta, que Navantia construiría dous Buques de Acción Marítima (BAM) para a Armada.
E salienta que incluso se falara do prazo de construción de 30 meses. Lembra que os floteis de Pemex tardaron máis dun ano e medio en adxudicarse. E para colmo de males, Navantia na Ría de Ferrol ten que compartir a construción do buque co estaleiro de Cádiz ao que se lle desviaron blocos.
Descrédito do Goberno
Pón de manifesto que nada concreto se voltou a saber dos dous Buques de Acción Marítima unha vez pasadas as elecións. De igual xeito, seguiuse a mesma estratexia eleitora agora. Hai uns días, en plena campaña ás elecións municipais, anunciouse que Navantia asinara co armador Ondimar Transportes Marítimos un acordo que estabelecía as bases para o contrato de construción de catro petroleiros tipo Suezmax.
Reprochou ao Goberno que faga anuncios cando os contratos aínda están sen asinar. E cando aínda non se concretou que parte do traballo lle corresponderá a Ferrol e cal a Fene. Afirma que a nove días das elecións municipais, voltan os anuncios de carga de traballo para os estaleiros públicos. Máis, salienta, até os vapuleados traballadores reciben este tipo de noticias coa máxima cautela. Especialmente cando en Ferrol tiveron que voltar a saír ás rúas a manifestarse.
Para a deputada do BNG, falla a credibilidade e a seriedade das Administracións responsábeis. Caeron no descrédito. E se houbese auténtica vontade de otorgar un futuro seguro a Navantia, o Goberno tería previsto un plan para o sector naval público, pedido polo BNG en incontábeis ocasións. A deputada nacionalista sinala que de existir vontade política, deducimos que a carga de traballo podería anunciarse en calquer época do ano, independentemente dos procesos eleitorais.
Tildou esta coincidencia de estrana. Reprochou ao PP que xogue cos postos de traballo como se se tratase dun arma eleitoral é algo máis cuestionábel. Facer eleitoralismo co futuro de miles de traballadores do sector naval público é cando menos indigno, nada serio e pouco honesto. Subliña que non todo vale en vísperas eleitorais, sobre todo porque son poucos os que se cren anuncios ambigüos, inconcretos e sen entidade algunha.
A parlamentar do BNG dirixe unha batería de preguntas ao Goberno por este tema para coñecer o grao de concreción: Por que se anuncia en campaña eleitoral a construción de catro petroleiros para Navantia cuxo contrato aínda non se formalizou? Non se está a facer eleitoralismo? Por que non se agarda ao mes de xuño para os anuncios cando é a data prevista de sinatura do contrato? Non é posíbel actuar con rigurosidade e de xeito responsábel?.
Ademais, quer saber en que situación se atopa a construción de dous Buques de Acción Marítima para a Armada? Cando se van asinar os contratos para a construción dos catro petroleiros? Hai data concreta? Como se vai repartir a carga de traballo entre Ferrol e Fene?