A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou a comparecencia da Ministra de Fomento para que aclare en sede parlamentar que sistemas de seguranza se contemplaban no proxecto de construcción do tramo de alta velocidade Ourense-Santiago e que sistemas se instalaron finalmente.
Rosana Pérez tamén formula a Fomento unha batería de preguntas en relación ás noticias coñecidas a raiz do proceso xudicial en marcha e nas que se evidencia que Adif rebaixou a seguranza nesta conexión ferroviaria pola aplicación de recortes económicos. Por iso, pregúntase como é posíbel que a Ministra de Fomento aínda manteña no seu posto ao Presidente de Adif.
O proceso xudicial aberto polo tráxico accidente de Angrois do 24 de xullo, está aportando unha serie de dados que levan a centrar as causas na rebaixa dos sistemas de seguranza, sinala a deputada do BNG. Para Rosana Pérez cada vez é máis patente que Adif seguiu unha estratexia de aforro no sistema de seguranza onde se accidentou o Alvia.
Incluso o xuiz vai máis lonxe e chega a afirmar que o cambio do ERTMS polo ASFA parece ter a súa orixe na política de investimento do Adif e alude a un plan de reducción de custes.
A deputada do BNG menciona a xunta realizada en xullo de 2010, entre Adif e as empresas encargadas da seguranza e sinalización da liña Ourense-Santiago. Un encontro no que Adif pediu ás empresas unha avaliación económica pola reducción do sistema de seguranza. Lembra que o informe reducía o orzamento en 26,6 millóns, case o 20% dos 135 millóns cos que foi adxudicado.
O BNG formula unha batería de preguntas e pide responsabilidades
Rosana Pérez recalca que este estudo para reducir o gasto contemplaba, entre outros axustes, unha reducción do número se sinais, circuitos de vías e balizas, a rebaixa na rede de cabos de sinalización e ERTMS, así como a diminución de probas para a súa posta en funcionamento.
Para a deputada do BNG, todos estes datos revelan que está claro que se tomou a decisión de substituir o sistema de seguranza máis avanzado, o ERTMS, polo ASFA. Polo tanto, é lóxico que todo o mundo se pregunte se o accidente se podería ter evitado de ter operativo o ERTMS.
Ademáis, sinala Rosana Pérez, a responsabilidade de definir as velocidades máximas na zona foi do Adif, e lembra que na curva onde se produciu o fatal accidente que provocou a morte de 79 persoas, o maquinista tiña que pasar en pouca distanza de 200 km por hora a 80.
A deputada do BNG puxo de manifesto que en numerosas ocasións, o BNG nas súas iniciativas parlamentares e nas comparecencias da Ministra e altos cargos, requeriu o proxecto de construcción do trazado para coñecer os sistemas de seguranza contemplados. Pero continuamos sen receber esa información. Rosana Pérez tamén indica que os feitos relatados dan máis forza á demanda do BNG de aprobar unha comisión de investigación que a Mesa do Congreso rexeita cada semana.
Por estas razóns, a deputada do BNG formula unha batería de preguntas ao Ministerio: Aprobou Adif o cambio de sistema de seguranza programado para a conexión Ourense-Santiago para aforrar? Cando? Cre que en cuestións de seguranza se poden seguer criterios puramente economicistas? Non é xa evidente que se rebaixou o sistema de seguranza? Non debería Adif asumir as súas responsabilidades por ter rebaixado os sistemas de seguranza no tramo Ourense-Santiago?.