A deputada do BNG no Congreso e Secretaria de Acción Institucional, Rosana Pérez, mantivo esta mañá unha xunta na Cámara Baixa co líder da coalición Syriza e presidente da formación grega Synaspismos, Alexis Tsipras.
Unha interlocución que a deputada do BNG cualificou "de moi interesante, clarificadora e que coincide na análise co que o BNG leva anos dicindo sobre a UE". Rosana Pérez explicou que Alexis Tsipras descrebeu a dramática situación de Grecia, "onde se destruiu por completo a cohesión social pola aplicación de medicinas que agravaron a enfermidade". "O mesmo futuro que augurou para o Estado español".
A deputada do BNG amosou a súa coincidencia co líder de Syriza en canto a que "a obsesión polo défice leva aparelladas unhas medidas que levan a países como Grecia ou o Estado español a unha destrucción nunca vista". Así, salientou que Grecia é o pais de Europa con máis suicidios.
A mesma concordancia na visión de que a UE "é o imperio do norte que ten baixo dominación ao sur de Europa, países do sur que son colonias". Explicoulle Rosana Pérez que a condición de Galiza "é a de dupla colonia, colonia da UE e colonia no Estado español", e trasladoulle a situación de elevado paro de Galiza, cunha "emigración da mocidade brutal e a desfetia de sectores produtivos básicos por parte da UE".
Alexis Tsipras apuntou a unha vía de solución que pasa, según o seu punto de vista, "por unha saída conxunta das forzas de esquerda europeas para posibilitar unha Europa dos pobos e social". Ambos apuntaron á necesidade de afortalar a capacidade de decisión, a soberanía dos distintos pobos para facer fronte ás crueis políticas da UE .