A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, interveu este mediodía nas comparecencias na Cámara dos Presidentes de Renfe e Adif e demandou unha Comisión de Investigación parlamentar independente para evitar calquera sombra de dúbida sobre o sinistro.
Reprochou aos Presidentes de Adif e de Renfe que non achegaron nada novo, os datos explicados xa se fixeron públicos. E contrastan estes relatorios coa locuacidade que amosaron nas 24 horas seguintes ao accidente para sinalar unha única causa.
A deputada do BNG lembrou que a conexión Madrid-Galiza se inaugurou en decembro de 2011, un trazado con alternancia de traxecto de AVE coa rede convencional. Unha fórmula híbrida até que se remate a rede por completo.
O BNG pon a énfase nos sistemas de seguranza
Rosana Pérez salientou a principal cuestión que é obxecto actual de debate: o sistema de seguranza existente na área do sinistro. Por que o ERTMS non estaba operativo? Moitas voces expertas, entre elas a de vostede mesmo, o presidente de Renfe, sinalaron que se podía ter evitado a catástrofe con este sistema. Que non estea operativo, como o temos que considerar? Como unha temeridade? É unha falta de prevención e de seguridade? Non se pode entender esta carencia que tería un investimento ridículo comparado co investido, criticou a deputada do BNG.
Rosana Pérez puxo de manifesto que o accidente debe levar a reflexións como a de que se faga recaer a seguranza sobre o maquinista é unha responsabilidade excesiva. O factor humano non está exento de fallos. Non se debería reflexionar sobre a idoneidade de aumentar o persoal de maquinistas en cabina?. E censurou que se culpase o maquinista desde o primeiro momento e como única causa. Tildou de gravísimas as declaracións do Ministro de Interior apurándose a dicir que o maquinista estaba detido porque existían indicios.
Tamén, enfatizou, vostedes, Señor Presidente de Renfe e de Adif, ás poucas horas do sinistros puxeron o aceno no maquinista.
A deputada do BNG centrouse especialmente no sistema de seguridade para indicar que o ERTMS combinado co ASFA, con trens que superan os 200 km por hora, o idóneo non debería ser que o ERTMS operase en todo o trazado? Mais na zona do accidente non estaba operativo. O Estado gastou case 164 millóns de euros no desenvolvemento do ERTMS entre 2010 e 2011 nun contrato de instalación e mantemento adxudicado á UTE constituida por compañías como Thales, Dimetronic ou Antalis.
Fallos técnicos no ERTMS aínda pendentes de solución nos tramos galegos
Rosana Pérez sinalou que polo menos cinco dos seis trens que usan a liña, catro trens Avant e un Alvia, contan con equipos a bordo de ERTMS, máis non están operativos. Nese sentido, aludiu ás afirmacións realizadas polo presidente de Renfe nunha entrevista en que afirmou que cando se comezou a probar o ERTMS se producían o que se chaman fallos de transición. Fallos que se solventaron no tramo Madrid-Olmedo mais ficou pendente no tramo Olmedo-Santiago. Falarons cos fabricantes para que o arranxasen e mentres desconectaron do ERTMS ese tramo.
Vostede mesmo, enfatizou a parlamentar do BNG, dixo que o fabricante pediu uns meses para solucionar o problema. A deputada nacionalista sinalou algunhas incoherencias como o feito de que o ERTMS si funcione para trens Avant pero non para os Alvia. Por que nuns casos si e noutros non? Para Rosana Pérez existe un fallo técnico aínda pendente de solución.
Outra das cuestións técnicas que Rosana Pérez puxo enriba da mesa foi a relativa ao sistema de seguridade operativo na zona do sinistro. O ASFA analóxico, nin siquera o dixital. As balizas na área do accidente son analóxicas, preguntámoslle: de contar con balizas dixitais reduciríase o risco da catástrofe?.
É unha irresponsabilidade non ter operativo o ERTMS
A deputada do BNG criticou as présas por inaugurar e dicir que tiñamos AVE, son as mesmas que tiveron vostedes ao día seguinte en dicir que non a tiñamos. Por que se puxo en marcha sen as medidas de seguridade avanzadas? Consideran que o sistema ASFA analóxico é suficiente para trens de velocidade alta? Cómo é posíbel que en todo o trazado estea instalado o ERTMS pero non estea operativo? Se había problemas desde o inicio, por que non se subsanaron ano e medio máis tarde?.
Porén, salientou a deputada do BNG, por que se solucionaron os problemas do ERTMS para o tramo Madrid-Olmedo e non nos tramos de Galiza? Non contribuíu isto á catástrofe? Non entenden que estamos ante un auténtico fallo técnico?. Reprochou aos altos cargos de Fomento que a seguridade dun Alvia dependa totalmente dun maquinista, vostede que tanto nos falou do seu currículo, non é unha irresponsabilidade?
Debe haber unha Comisión de Investigación no Congreso para dilucidar as reponsabilidades políticas
Para a parlamentar nacionalista, estes interrogantes deben ser respondidos nunha Comisión de Investigación, que sexa parlamentar, que a súa composición emane do propio Parlamento e que sexa independente para evitar calquer sombra de dúbida.
Preguntouse Rosana Pérez como é posíbel que se poñan en marcha medidas agora despois de ter que lamentar 79 mortes. Que se adopten agora pon de relieve que hai outras culpabilidades, que hai responsabilidades políticas e esta Comisión deberá dilucidalas. E apuntou cara aos recortes. Non pensan que os recortes, as reduccións de gasto, os ERE e cadros de persoal decimados, os descontos salariais nos casos de atrasos de trens, son factores que incidiron no accidente?. Nesa liña, a deputada do BNG fixou unha loubanza dos servizos públicos, eficaces e profesionais con vocación de servizo público e ven persoas onde outros ven números e contas de resultados.
Para o BNG todos os galegos e galegas, toda Galiza foi consciente das deficiencias que temos en materia ferroviaria.