177 anos após do seu nacemento, o legado de Rosalía ten plena vixencia e o BNG aproveitou o 24 de febreiro para reivindicar a personalidade desta poetisa universal defensora da lingua do país, pero tamén dos dereitos das mulleres e da clase traballadora do seu tempo.
Rosalía está viva e fainos reflexionar a través do seu compromiso coa lingua, pero tamén coa cidadanía do país, coas clases traballadoras e coa defensa dos dereitos das mulleres, salientou o portavoz nacional, Xavier Vence, nun acto homenaxe no Concello de Carballo, no que artistas locais plasmaron dúas das imaxes máis recoñecibles do rostro da escritora.
Vence fixo fincapé na vixencia da obra de Rosalía, quen soubo captar a inxustiza do seu tempo nunha mensaxe social que está plenamente vixente no contexto actual desta crise devastadora do Estado do benestar que padecen os galegos e galegas, no que o sufrimento aflora en centos de fogares do país, subliñou o portavoz nacional, para quen sobran os motivos para reivindicar a figura desta muller avanzada ao seu tempo ante uns poderes insensibles, tanto co padecemento da poboación como cos sinais de identidade que defendeu.
Por todo isto, o BNG propón establecer o Día de Rosalía e recuperalo no calendario escolar con actividades específicas para dar a coñecer aos nenos e nenas do país a importancia desta figura clave na cultura galega e universal, e emblema da Galiza moderna.
Cando falamos do Día de Rosalía non é en aras dunha celebración ritual, senón para darlle vida os 365 días do ano, e poder gabarnos de ter unha poeta nacional desta envergadura, carta de presentación no mundo da cultura e dos valores, recalcou Vence, quen demandou da Xunta que devolva a Rosalía o respecto que se merece no idioma, no sistema educativo e a nivel institucional.
Todos os concellos do BNG celebran hoxe actividades específicas para difundir o coñecemento dunha Rosalía moderna, avanzada, cunha conciencia de País e de muller que segue a ser referente actual, que pon a Galiza no centro do universo, que pon os valores esenciais da humanidade nun primeiro plano cunha literatura extraordinaria, concluíu o dirixente do Bloque.
Coa presenza da responsible de Política Municipal, Goretti Sanmartín, e dunha ampla representación do Goberno local, incluído o alcalde, Evencio Ferrero, Vence participou na homenaxe artística a Rosalía de Castro, no que os artistas locais, Mon Lendoiro e Miguel Calvo, recrearon dous retratos da poetisa, no Forum Carballo.