O deputado do BNG reclamaba, a través dunha proposición non de lei, rexeitar o modelo imposto polos fondos e dedicalos as necesidades reais do sector
O Partido popular rexeitou a proposición non de lei defendida polo deputado do BNG, Daniel Rodas na que reclamaba instar ao Goberno galego a non aceptar os criterios dos fondos europeos para pesca dos que unha significativa parte vai destinada ao despece polo que pediu poñer en valor a pesca galega e rexeitar o seu desmantelamento.
Por outra parte, o deputado tamén reclamaba do Goberno galego non aceptar o modelo imposto polos fondos do FEMP así como paralizar a actual orde de axudas para a paralización definitiva de buques pesqueiros afectados polo Plan de xestión integral de baixura.
Na súa intervención, Rodas recalcou que os criterios da Unión europea non son da mesma aplicación nos diferentes países e a Comisión establece como intocable o principio de estabilidade relativa, polo que os países que negociaron inicialmente seguen blindando os seus intereses e outros, en troques de reducir o número de barcos o aumentan como ocorre con Irlanda con 729 novos barcos.
Para o deputado, o Partido popular fixo deixación de funcións nos últimos sete anos ao non propor medidas co fin de modificar os criterios dos fondos, de aí, que non se contemplaran medidas eficaces para as tripulacións e emprego, e como mostra, dixo vivimos a parada do cerco e o desmantelamento da flota en Mauritania, unicamente adoptou medidas para salvar ao armador.
Estamos a falar, dixo, de cuestións de contido político para determinar o destino dos fondos e comprobamos que a intención do Partido popular é clara, rematar por completo coa nosa flota.
Para o BNG, os fondos deben poñer en valor os atributos da nosa flota e centrados en políticas pesqueiras para crear emprego e non para a privatización do dereito a poder pescar con cotas individuais ridículas, medidas que o PP adopta pouco a pouco extorsionando a flota facendo insostible a súa actividade.
O deputado do BNG lamentou o voto en contra do Partido popular á iniciativa nacionalista.