Rodas insta a Mar a aplicar un modelo de regulación de embarcacións acorde á realidade galega

O portavoz de Pesca do BNG, Daniel Rodas formulou unha pregunta en comisión parlamentaria sobre as medidas que vai adoptar a Xunta contra a normativa do Estado español para regularizar o rexistro das embarcacións de pesca

O deputado nacionalista, Daniel Rodas formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Pesca celebrada no Parlamento galego, sobre o actual proceso de regulación das embarcacións pesqueiras en Galiza, número de embarcacións afectadas e medidas emprendidas polo Goberno da Xunta ante o Goberno central, nesta materia para defender o sector.

Na súa intervención, o parlamentario do BNG instou á Consellería de Mar a plantexar unha nova regulación das embarcacións acorde á realidade galega.

A regularización non recoñece a singularidade galega

Rodas explicou que as diferentes regularización de embarcacións levadas a cabo polo Estado español, seguindo directrices da UE dende o ano 1999, non recoñecen a singularidade da flota artesanal galega e a día de hoxe, “máis de 500 embarcacións encóntranse desreguladas”, coa ameaza de causar baixa no Censo de Flota Operativo e no Rexistro de embarcacións e empresas navieiras.

As embarcacións galegas caracterízanse por ser de pequeno porte, dixo, e desenvolver a súa actividade suxeita á regulamentación autonómica dentro de plans ordenados, con control de artes, especies e topes de capturas e a mellora nas condicións de vida e seguridade “non supón ningún aumento do esforzo pesqueiro”.

O Partido Popular segue a manter o criterio para regularizar ditas embarcacións polo que resulta necesario a aportación de baixas, para o parlamento isto representa, eliminar outras embarcacións xa regulamentadas.

Galiza non pode seguir desguazando embarcacións

Dende o BNG, manifestou, consideramos que Galiza non pode renunciar a máis embarcacións porque somos o país de toda UE que máis embarcacións ten desguazado nos últimos anos e volveu a instar á Xunta “a paralizar o actual modelo de regularización” e desenvolver outro de acordo á realidade galega.

Para o nacionalista, no novo acordo debe figurar que son embarcacións menores, desenvolven actividades reguladas e non supoñen aumento de esforzo pesqueiro.

Rodas concluíu a súa primeira intervención asegurando que a flota artesanal crea emprego e a súa actividade mantén o “sustento de boa parte das familias que viven no litoral” polo que cumpre regularizalas de acordo as súas condicións reais.

Pola súa parte, o director xeral de competitividade e Innovación, Juan Carlos Maneiro respondeu ao deputado do BNG que na actualidade existen 1.116 embarcacións por rexistrar das que 266 non necesitaron presentar baixa.

A Consellería négase a introducir novos criterios para regular as embarcacións

Na quenda de réplica, o deputado reiterou que a Consellería de Pesca ten a información necesaria sobre as embarcacións, actividade, tipo de arte e especie que poden capturar polo que non existe ningún problema para a súa regulación e criticou que sexa o Estado o que se faga cargo para normalizar esta situación . “O ministro,dixo, mudou un artigo para facer unha nova cafrada, e xustificar que as embarcacións que se dedican ao percebe entren na cuarta lista para embarcacións auxiliares de acuicultura”.

Na opinión do nacionalista, a nova normativa introduce unha vía para “desregularizar” e obrigar aos propietarios das embarcacións de pequeno tamaño a depositar entre 10 e 20 mil euros para seren reguladas, nun “momento de crise económica que afecta en grande medida a este sector”, concluíu.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG