Rodas cualifica de “actitude vergonzante” a postura do Goberno no reparto das cotas de xarda

O deputado denunciou o desequilibrio “político” de Galiza, fronte outras comunidades e países á hora de negociar o reparto de pesca

Daniel Rodas en debate parlamentario (Foto de arquivo)

A través dunha Proposición non de lei, o deputado do BNG, Daniel Rodas rexeitou o actual modelo de reparto da NEACF, o criterio de reparto vixente dende o ano 1986 baseado no principio de estabilidade relativa, as políticas de TACs e cotas en augas interiores e a sanción imposta pola U.E ao Estado español.

Rodas defendeu a presenza de Galiza nos foros que deciden o futuro da pesca galega fronte a “actitude vergonzante” do Goberno galego no reparto das cotas.

Para o deputado, o incremento da cota de xarda, tras as mobilizacións dos mariñeiros e armadores do cerco, non responde ao éxito anunciado pola consellería do Mar. Na súa opinión, a realidade é produto dun acordo da U.E con Noruega e Illas Feroe baixo os criterios da NEACF.

“As illas Feroe foron sancionadas por pescar sen atender ás restricións e este ano conta con 156.000 Toneladas, Islandia non tiña dereito de cotas ata hai pouco e na actualidade foille recoñecido o 14%, 180.000 Tn”.

Baixo o principio de estabilidade relativa, a Unión Europea outórgalle ao Estado español o 7% do total das 611.000 Toneladas, é dicir, 40.000 Toneladas. “ En 28 anos, ningún dos gobernos do Estado moveu un dedo para modificar esta situación”, afirmou.Xarda para tirar

 As trampas do novo reparto de cotas

Co novo modelo, recalcou o nacionalista, prímase ás flotas que excederon as súas capturas, ás que menos regularon as pesquerías e tiveron oportunidade de pescar mentres son castigados os que menos pescaron e regularon a pesca, “os galegos”.

Chama a atención que o Goberno galego coaccionara aos dirixentes da Asemblea de Portosín respaldando aos supostos representantes que negociaron “da man da conselleira Quintana” un reparto inxusto de cotas de xarda, dándolle as costas ao sector.

Rodas tamén criticou que ante as primeiras mobilizacións do cerco, a conselleira respondera con insultos e ofensas e felicitándose dun “aumento de cotas” que en realidade, supón unha importante “mellora para o resto das flotas do mundo”

O parlamentario afirmou que en todo este proceso, o Goberno galego mantivo “unha actitude vergonzante” e non estivo á altura para negociar un acordo satisfactorio para a pesca galega, “unicamente someteuse aos criterios de Madrid e Bruxelas” traizoando á flota do cerco e artes menores e deixándoa nunha situación de difícil viabilidade.

O partido popular rexeitou a Proposición non de lei nacionalista por considerar que o recente aumento das cotas benefician á flota galega.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG