En resposta ao BNG, a Xunta responsabiliza os concellos do uso deficiente das depuradoras

Ana Pontón pediu “rigor” ao director de Augas de Galiza e non utilizar o Parlamento para repetir o discurso electoral do candidato do PP de Pontevedra

Ana Pontón

A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta na comisión de Medio Ambiente relativa o uso das depuradoras galegas con vertidos o mar e que medidas vai tomar a Xunta para solucionar as que manteñan un uso deficiente como reflicten os propios datos oficiais da Xunta.

Pola súa parte, o director de Augas de Galiza, Gonzalo Mosquera explicou que na actualidade existen 153 depuradoras en Galiza das que 68 verten ao litoral pero a intención da Xunta é seguir mellorando o seu uso polo que foron acometidas obras en seis delas, San Cibrao, Grove, Gandarío, Vigo, Pontevedra e Corme e afirmou que o saneamento das rías, “é unha prioridade para o Goberno galego”, sen embargo responsabilizou aos concellos do uso deficiente e dos problemas detectados nas depuradoras.

Na quenda de réplica, Pontón cualificou “unha frivolidade” a intervención de Mosquera tendo en conta que dende o ano 2013, a Xunta non auditou o funcionamento das depuradoras e lembroulle que a Xunta cobra unha “taxa por saneamento” como os 2 millóns cobrados aos concellos de Pontevedra no ano 2014. Asemade, dixo, tampouco me respondeu sobre a “desinfección” que se ten que producir no proceso de depuración e a propia Xunta recoñece que “en dous terzos” das depuradoras “non funciona ben”.

Dicir aquí que non hai ningún problema e reducir a cuestión a seis depuradoras resulta “unha frivolidade” e unha falta de respecto a esta institución, afirmou a parlamentaria.

Ana Pontón

Por outra parte, tamén criticou a modificación da Xunta sobre o proxecto de Marín que unifica nun só tubo, fecais e pluviais destinadas á depuradora de Praceres, vostedes saben que a contaminación de Pontevedra “vai alén dese caso”, recalcou.

A parlamentaria pediu rigor o director de Augas de Galiza e non repetir o discurso do candidato do Partido popular en Pontevedra polo que reclamou contar con datos reais sobre a xestión da Xunta no ámbito das depuradoras e preguntou se existe algún outro estudo, a parte do realizado no ano 2013.

Finalmente, a deputada pediu ao director de Augas de Galiza que informe sobre o que lle preguntan e que non exerza de “ axente electoral do Partido popular” porque está na comisión de Medio Ambiente representando á Xunta de Galiza.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG