A reforma local do PP: menos servizos, menos benestar e menos democracia

Reforma local

O BNG pon en marcha unha campaña informativa por todo o país para explicar ao conxunto da sociedade galega as consecuencias da reforma local do PP, que  vai supor a perda de servizos públicos e sociais que a día de hoxe están a recibir dos concellos. A reforma supón recortar servizos, privatizar os que queden e invadir competencias dos municipios en beneficio das deputacións.

Baixo o lema Reforma dos concellos, ruína da cidadanía, e coa presenza dunha ampla delegación de alcaldes e alcaldesas do Bloque, o portavoz nacional, Xavier Vence, presentou o que definiu como unha campaña “ampla e incisiva” para concienciar a cidadanía de como a reforma afectará a súa calidade de vida.

A reforma local é un paso máis, dixo Vence, na “estratexia xeral” de recortes que está a aplicar o PP na sanidade, na educación ou na dependencia. Neste caso, co agravante de que se invaden competencias directas dos concellos a favor das deputacións, “pese a que os primeiros son a administración máis próxima e ten un coñecemento claro dos problemas dos veciños e das veciñas, todo o contrario do que sucede coas deputacións”, argumentou.

Estamos ante unha reforma lexislativa que implica “redución de servizos públicos á cidadanía, redución do benestar e redución da democracia, xa que resta competencias aos concellos elixidos pola cidadanía para recentralizar esas competencias nas deputacións, que non son de elección directa”, advertiu Vence.

Presentacion campaña Reforma dos concellos, ruína para a cidadaníaEntre os servizos afectados: asistencia social a domicilio así como as prestacións que dependen dos traballdor@s sociais dos concellos, centros de día, políticas de dinamización de emprego, escolas infantís, comedores escolares ou as prestacións deportivas e culturais.

Privatización

Laminar os concellos quitándolle servizos para concentralos nas deputacións como paso previo a súa privatización, avanzou o portavoz nacional. “Estes servizos que agora prestan os concellos serán ofertados en macro-contratos desde as deputacións en beneficio de grandes empresas de servizos madrileñas que optarán a eses suculentos paquetes sen preocuparlles as necesidades reais, nin as particularidades dos veciños e das veciñas de cada concello”.

Os efectos deste cambio, “serán especialmente desastrosos para os municipios pequenos do medio rural”, indicou.

“O efecto desta reforma muda para peor a prestación de servizos públicos que a cidadanía recibe dos concellos e debe ter unha resposta contundente por parte do conxunto da sociedade galega, por iso poñemos en marcha esta campaña que se impulsará desde os concellos gobernados polo BNG, pero esperamos que se fagan eco todos os concellos do país porque afectará a todos”.

A campaña, coordinada desde a secretaria de Política Municipal por Goretti Sanmartín, despregarase por todo o país durante as vindeiras semanas, tendo en conta que as previsións do PP pasan por aprobar a reforma antes de fin de ano, con charlas explicativas, actos simbólicos e distribución de miles de folletos informativos.

A presentación contou coa presenza dunha ampla representación de gobernos locais do BNG: alcalde Allariz, Francisco García, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez, de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, de Carballo, Evencio Ferrerio, de Poio, Luciano Sobral, de Zas, Manuel Muíños, de Rianxo, Adolfo Muíños, Rafael Pérez, da Mezquita, Xosé Luis García, de Arzúa, Ramón Noceda, de Carnota, Manuel Adán de Santiso, Secundino García Casal de San Sadurniño e o Xusto Fernández, portavoz municipal de Mondoñedo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG