O BNG apoia a denuncia presentada pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo contra o proxecto da mina de Corcoesto e a súa declaración de proxecto estratéxico por parte da Xunta. "Daremos apoio total a esta iniciativa cidadán co obxectivo claro de que os autores da denuncia podan explicar directamente este caso ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo", salientou a eurodeputada Ana Miranda.
En calidade de membro titular da Comisión de Peticións, Miranda comprometese a "impulsar" a denuncia co obxectivo de que sexa debatida canto antes, "tendo en conta a alarma cidadán xerada e as repercusións sociais, ambientais e económicas que poden derivarse deste proxecto de explotación mineira. Tamén desde a Eurocámara, o BNG fará o posible para frear un despropósito medioambiental e territorial desta magnitude".
Para o BNG é evidente que proxecto non cumpre os criterios para ser considerado estratéxico para Galiza, por canto non vai supor unha consolidación do tecido industrial e tampouco hai garantía de creación de 250 postos de traballo, máis aló de anuncios propagandísticos sen concreción algunha.
Para contribuír ao debate sobre a explotación dos recursos mineiros, o BNG organiza o 15 de maio unha xornada sobre minería na Eurocámara, en colaboración con eurodeputados do Grupo Verdes/ALE e da esquerda europea (GUE/NGL), coa participación de expertos, académicos, colectivos ecoloxistas e sociais, e responsables políticos.
Un dos puntos chave desta xornada será avaliar o cumprimento da normativa da UE neste tipo de proxectos de explotación mineira a ceo aberto, -caso previsto en Corcoesto-, e o uso uso de substancias altamente contaminantes, como o cianuro, para a extracción do ouro. "A actual normativa comunitaria debe ser modificada para prohibir o uso de cianuro nas explotacións mineiras, e así o defenderemos no Parlamento Europeo", avanzou Miranda.