O BNG expresa a súa total repulsa e enérxica condena polo novo asasinato machista que acabou coa vida de María Luísa Jiménez Jiménez, segundo declaración confesa do propio autor do crime ingresado no cárcere de Monterroso.
Ao mesmo tempo, envía a súa solidariedade e apoio á familia e amizades da vítima e fai un chamamento social a manifestar publicamente o seu rexeitamento e tolerancia cero con esta violencia que mata, o maior síntoma de desigualdade entre mulleres e homes.
O BNG esixe que se poña na axenda política a loita contra a violencia machista como asunto prioritario, e que se tomen medidas para eliminar a discriminación contra as mulleres que poden chegar a ter como dramática consecuencia os asasinatos.
Para a formación, ademais das mostras de rexeitamento e condena, os poderes públicos deben combater cos medios adecuados a violencia machista incrementando os recursos materiais e persoais na loita contra a violencia, promovendo a coeducación, eliminando todo signo de discriminación pública co fin de avanzar cara unha sociedade sen violencia e en igualdade entre homes e mulleres.