Ana Pontón replica ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoó, que a súa obsesión non debera ser facer seguidismo de Esperanza Aguirre senón reducir as alarmantes cifras do paro que sofre Galiza e rebaixar a débeda, que se triplicou durante esta lexislatura.
Ana Pontón, ante as declaracións de Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, nas que cualificaba de respetable e sensata a proposta de Aguirre de reducir deputados e amosaba a súa disposición a avaliala, lembrou que o principal problema que ten este País é a do medre do paro, que é o dobre que no Estado.
Cortina de fume
Para a voceira nacionalista, esta e non outras deben ser as prioridades do presidente da Xunta, ao que acusou de sumarse ao discurso de Esperanza Aguirra para tentar agochar cunha cortina de fume a súa incapacidade para facer fronte aos problemas reais do País,o paro, a crise e a situación dos nosos sectores produtivos.
Abrir o debate da redución de deputados é ir na liña da recentralización do Estado que tenta impor o PP
Pontón tamén enmarcou este tipo de discurso no proceso de recentralización do Estado que tenta impor o Partido Popular, malia a involución democrática que supón este tipo de política.
Menos democracia e menos pluralismo
Neste sentido, a voceira parlamentar alerta de que a cidadanía está demandando máis que nunca democracia, e iso dende logo non vai pasar por limitar o pluralismo e a capacidade dos cidadáns de verse representados nas institucións.
Un proceso de recentralización en Galiza engadiu- é altamente negativo para o País, pois o que máis necesita, precisamente, é maior capacidade para poder decidir nos asuntos que nos afectan.