A Eurocámara ven de conceder á Plataforma de Afectados pola Hipoteca o premio Cidadán Europeo 2013 e recoñece o seu compromiso social en defensa dos miles de afectados por procesos de desafiuzamento no Estado español. A PAH foi proposta a este galardón pola eurodeputada nacionalista Ana Miranda, polo eurodeputado Raül Romeva, ambos integrados no Grupo Verdes/ALE, e polo eurodeputado do Grupo GUE/NGL Willy Meyer.
"Este premio debe servir para que a Eurocámara apoie os obxectivos que defende a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, como a dación en pago ou hipotecas reconvertidas en alugueres, en definitiva, fórmulas que permitan buscar alternativas para non deixar sen vivenda ás persoas e ás familias afectados por un desafiuzamento", argumenta Miranda.
A eurodeputada salienta que a PAH "ten dado unha lección ao Goberno español cando defende que a prioridade son as persoas. Resulta incomprensible destinar millóns de euros a rescatar bancos, mentres miles de familias se quedan sen vivenda".
Só en 2012, a banca se quedou con 30.034 primeiras vivendas por impago da hipoteca, un desafiuzamento cada 15 minutos segundo un informe do Colexio de Rexistradores. Unha grande parte destes desafiuzamentos, explica Miranda, "son executados polos mesmo bancos rescatados co préstamo de 37.000 millóns de euros da UE, entre elas NovaGalicia Banco, que recibiu 5.400 millóns de das arcas comunitarias".
Neste contexto, xurde a PAH adicada a crear redes de solidariedade e a loitar por facer efectivo o dereito a unha vivenda. Entre as súas propostas, a iniciativa lexislativa popular a favor da dación en pago, coa que cambiar a lexislación hipotecaria española.
Unha lexislación considerada abusiva polo Tribunal de Xustiza Europeo que, o pasado mes de marzo, dictaminou que incumpre a Directiva 93/13/CEE, por non ofrecer un recurso legal eficaz para poder frear un desafiuzamento.
Na imaxe, a eurodeputada Ana Miranda segue a intervención da presidente da PAH, Ada Colau, durante a súa intervención na Comisión de Peticións da Eurocámara, onde denunciou os abusos cometidos ao amparo da lexislación hipotecaria do Estado español.