Prado pregunta ao Goberno que fixo para garantir a asistencia aos doentes en Posiva durante a folga

A deputada do BNG, Montse Prado acusou a Consellería de Sanidade de exercer “de delegada da empresa” defendendo os intereses de Povisa fronte aos traballadoras/es e doentes.

Pleno.- A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao Goberno sobre as accións levadas a cabo para garantir a asistencia sanitaria aos doentes do Sergas no Hospital Povisa de Vigo.

Na súa intervención, a deputada explicou que a reforma laboral do Partido popular permite a empresa denunciar o convenio asinado para “impoñer condicións leoninas” como aconteceu en Povisa tras un conflito laboral que afecta a 1.400 traballadores e traballadoras e unha poboación de case 150.000 persoas.

Para a nacionalista, a conselleira de sanidade “exerce como delegada da empresa”, en troques de defender as persoas afectadas, tanto traballador@s como doentes nun centro subvencionado con cartos públicos.

Neste sentido, censurou que a conselleira, tras ser iniciada o 19 de agosto unha folga indefinida en Povisa ante a decisión da empresa de reducir “brutalmente” nun 40% o salario dos traballador@s, a conselleira afirmara que a situación xerada no centro sanitario respondía a un problema dunha empresa privada ao que Prado respondeu que o centro conta cun concerto co SERGAS.

A parlamentaria lembrou que os doentes son os primeiros afectados nun conflito laboral provocado pola dirección da empresa e referiuse concretamente ao paciente Emilio García de 95 anos que permaneceu sen intervir durante 13 días durante a folga.

Tras a intervención da conselleira, que negou calquera tipo de risco para a saúde dos doentes, a parlamentaria do BNG reiterou que a pesar de tentar “ocultar a realidade, os doentes estiveron abandonados a súa sorte polo que acudiron aos medios de comunicación para defenderse”.

Prado tamén afirmou que a dirección do centro estaba máis preocupada por “meter en cintura aos traballadores e traballadoras e aumentar os servizos mínimos e non dar solución ao conflito laboral que atender as prestacións sanitarias dos afectad@s en condicións”.

A parlamentaria concluíu parabenizando aos traballadores e traballadoras por ter conseguido paralizar un convenio provincial prexudicial para os seus intereses porque desa maneira, dixo, “tamén están a defender a Sanidade Pública”.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG