O BNG solicitou no Parlamento galego a "reprobación" de Carme Fraga e do Partido popular por propoñer en Europa eliminar das etiquetas a procedencia dos produtos do mar
A portavoz de Pesca do BNG, Montse Prado denunciou que, a normativa impulsada polo PP no Parlamento europeo legaliza a competencia desleal co sector extractivo galego e elimina o dereito dos consumidores/as á información
A Proposición non de lei do BNG, defendida pola deputada nacionalista, Montse Prado para reprobar a eurodeputada, Carme Fraga e ao Partido popular pola súa proposta en Europa de eliminar a obrigatoriedade da orixe dos produtos derivados do mar nas etiquetas, foi rexeitada hoxe polo Partido popular na Comisión de Pesca celebrada no Parlamento galego.
Oposición do BNG no Parlamento Europeo á iniciativa de Carmen Fraga
Na súa intervención, a parlamentaria nacionalista pediu a reprobación de Carmen Fraga por defender, no Parlamento europeo, unha proposta que, ao seu xuízo, representa a legalización da competencia desleal co sector extractivo galego e lembrou que o BNG na Cámara europea amosou a súa oposición a unha iniciativa que prexudica gravemente os intereses galegos polo que instou ao Goberno galego a iniciar as xestións necesarias co Goberno español para restablecer a procedencia dos produtos derivados do mar, iniciativa que tamén foi rexeitada polo Partido popular.
Para a deputada , non é de recibo que unha representante galega en Europa, deserte da súa responsabilidade con Galiza e actúe ao servizo doutros intereses e países polo que reiterou que esta actuación debe ser reprobada.
Prado manifestou que as consumidoras e consumidores teñen dereito a coñecer a orixe dos produtos que adquiren e reprochou ao portavoz de Pesca do Partido popular, José Manuel Balseiro, restar importancia a eliminación desta información, moi nos tememos, dixo, que o sector do mexillón galego chegue a coincidir con vostede cando están a realizar un esforzo ímprobo por dignificar un produto de excelente calidade de orixe galego.
A deputada insistiu en denunciar o que considerou un dobre problema: o dereito dos e das consumidores a contar coa información necesaria e o dereito a vivir dignamente de todas aquelas persoas relacionadas co sector extractivo galego.