Carme Adán acusa ao PP de practicar unha estafa ao retirarlle a miles de familias as axudas de vivenda.
A deputada do BNG, Carme Adán defendeu hoxe unha Proposición non de Lei na Comisión de Ordenación Territorial para que máis de 10.000 familias, que no seu momento recibiron unha concesión de subsidio hipotecario ao abeiro do Plan de Vivenda 2005-2008, poidan cobrar as axudas que lles corresponden. Os votos en contra do Partido popular impediron que a iniciativa nacionalista prosperara.
Na súa intervención a parlamentaria do BNG demandou do goberno galego asumir de forma inmediata as devanditas axudas e acusou ao Partido Popular de practicar unha estafa ás familias ao suspender as axudas cando aínda restaban varios anos para a súa finalización, moitas persoas mercaron os seus pisos contando con esta axuda durante dez anos e agora o PP a elimina sen impórtalle a dramática situación de moitas familias.
Neste sentido, a deputada do BNG explicou que, Rajoy a través do artigo 35 do Real Decreto-Lei 20/2012 eliminou as axudas ás hipotecas aplicando unha interpretación de retroactividade que afecta ao Plan de Vivenda 2005-2008. Por este motivo, explicou a nacionalista, miles de familias de toda Galiza, unha boa parte delas do barrio de Navia en Vigo foron notificadas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo da denegación da ampliación do período de subsidiación do referido convido por estar suprimida dita axuda.
Adán concluíu a súa intervención trasladando ao Parlamento galego a preocupación de colectivos afectados por esta medida, como o da Plataforma de afectad@s de Navia.